Presentan a convocatoria das residencias artísticas e de investigación 'Atopémonos Bailando' de Lugo

Presentan a nova convocatoria de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando destinada a profesionais de danza e artes do movemento, que se desenvolverá durante o ano 2025 na cidade de Lugo.
"Con Atopémonos Bailando desde a área de Cultura do Concello de Lugo consolidamos o noso apoio ao sector da danza, facendo fincapé nesta primeira fase de investigación e creación de espectáculos, xunto cos outros proxectos da cidade como o Festival Cartografía en Movemento e o Ciclo LED Lugo en Danza", destacou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, quen presentou a edición con integrantes do Colectivo Glovo.
O proxecto Atopémonos Bailando ten como obxectivos impulsar e apoiar a creación e investigación en danza e artes do movemento por parte de compañías galegas, estatais e internacionais, creando un espazo para a realización de residencias artísticas e de investigación.
Este programa dará especial atención ás creadoras galegas e ten como fin achegar os procesos de creación en danza contemporánea á veciñanza a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional e, ademais, de acceso gratuíto.
A área de Cultura do Concello de Lugo, en colaboración co Colectivo Glovo, abre o proceso para que as profesionais da danza e as artes do movemento presenten os seus proxectos para realizar un máximo de 11 residencias artísticas ou de investigación que se levarán a cabo entre os meses de maio e outubro de 2025 na cidade.
As interesadas teñen de prazo ata o 25 de marzo de 2025 para presentar as súas solicitudes, e as residencias poderán realizarse entre abril e novembro deste mesmo ano.
Con esta convocatoria, o Concello de Lugo busca seguir promovendo a danza como unha disciplina fundamental dentro da súa oferta cultural, apoiando aos e ás artistas na súa investigación e creación.