Presentan a I Xornada da Serpe Golden League en Guntín

O Concello de Guntín converterase este sábado, 13 de decembro, no punto de partida da Serpe Golden League de Judo coa celebración da súa primeira xornada, un encontro que marcará o inicio dunha liga que se estenderá ao longo da tempada 25/26 en cinco municipios da provincia de Lugo.
A sesión inaugural reunirá ao longo de toda a xornada arredor de 400 deportistas chegados de diferentes puntos de Galicia, así como de comunidades como Asturias e Castela-A Mancha. Nas instalacións participantes competirán nenos e mozos pertencentes ás categorías Biberón, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete.
No acto oficial de presentación estiveron o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, acompañado por José Luis López, coordinador xeral de Serpe; Alejandro Castro, responsable de Competición; e Diego Álvarez, director deportivo, quen destacaron a importancia deste novo formato competitivo para o desenvolvemento do judo de base.