Presentan as actividades de abril para promover o xadrez entre a mocidade de Lugo

O Concello de Lugo deu a coñecer as actividades que se organizarán durante o mes de abril para fomentar a práctica do xadrez entre a mocidade lucense e promover este deporte como unha ferramenta educativa e social.
A concelleira de Xuventude, Iria Buide, acompañada por Rubén Arroxo, Cristina López e Pablo Castro, da Asociación Xaquedrum, destacou que estas iniciativas teñen como obxectivo achegar o xadrez aos centros de ensino e á veciñanza.
Un dos eventos máis destacados será o habitual torneo de xadrez de Semana Santa, que se celebrará o domingo 6 de abril, entre as 17:00 e as 19:30 horas, no soto da Praza de Abastos.
Este torneo, de acceso totalmente gratuíto, está aberto tanto a xogadores con elo FIDE como sen elo FIDE (modalidade Open). O torneo estará dividido en varias categorías: Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14 e absoluto sen elo FIDE. As partidas xogarase a ritmo rápido, con 10 minutos máis 2 segundos de incremento por xogada.
A inscrición estará aberta ata hoxe, 4 de abril, ás 20:00 horas, e as persoas interesadas deben estar federadas. Quen non o estean, poderán federarse gratuitamente coa Escola Luguesa de Xadrez ao realizar a inscrición. A organización informou que, por motivos organizativos, só os xogadores inscritos poderán acceder á zona de xogo.
Ademais, o xoves 10 de abril, ás 10:00 horas, celebrarase un torneo dirixido aos estudantes dos centros de ensino medio da cidade.
O evento tamén terá lugar no soto da Praza de Abastos e contará coa participación de máis de 120 mozos e mozas. Cada centro poderá inscribir un máximo de 20 estudantes, que competirán nun torneo baixo o sistema suízo a cinco roldas. As partidas terán un ritmo de 10 minutos máis un incremento de 3 segundos por xogada. O ciclo de hostalería do IES Sanxillao colaborará no evento, ofrecendo pastas e un obsequio para cada participante.
O torneo será individual, pero tamén se valorarán os resultados dos catro mellores xogadores por equipo, sendo o quinto membro en caso de empate.
A concelleira Iria Buide subliñou o compromiso do Goberno de Lugo por “achegar actividades aos centros educativos, organizando un ano máis estes torneos nun espazo emblemático como o soto da Praza de Abastos”. Buide tamén destacou que "con estas iniciativas buscamos fomentar a práctica do xadrez e os seus beneficios en capacidades moi importantes como a concentración, a toma de decisións e a creatividade".