Presentan as actividades do Mercado de Nadal “Nadalmente Lucense”

LugoXa
A Praza Maior acollerá actividades, talleres e personaxes tradicionais entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro, combinando ocio, cultura e apoio ao comercio local
mercado-Nadal-Lugo
4 Dec 2025

A cidade de Lugo acollerá o Mercado de Nadal “Nadalmente Lucense”, unha proposta integral que dará vida á Praza Maior durante as festas, concretamente entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro. O mercado funcionará en horario de mañá e tarde, agás o 24 e 31 de decembro, cando abrirá só pola mañá, e os días 25 e 1 de xaneiro, que permanecerá pechado, e contará cun amplo programa de actividades deseñado para acompañar a actividade comercial e incrementar a presenza de público durante todo o Nadal.

O calendario inclúe actuacións, obradoiros creativos, xogos tradicionais, contacontos, degustacións de chocolate e viño quente, así como a presenza de personaxes moi queridos polo público infantil, como o Señor e a Señora Claus, o Emisario Real Ben-Alí, os seus elfos e paxes.

Espazos como o Fogar do Santa, O Oasis de Ben-Alí, A Pequena Fábrica ou o poboado miúdo permitirán ás familias mergullarse na tradición destas datas e vivir unha experiencia participativa e cálida no corazón da cidade. Ademais, o mercado contará con cabanas habilitadas para espectáculos, actividades creativas e intervencións de escolas e entidades culturais, poñendo en valor o talento local e o espírito comunitario do Nadal lucense.

O alcalde, Miguel Fernández, subliñou a relevancia de ofrecer unha programación para todas as idades, especialmente para os máis pequenos, protagonistas naturais destas festas. “Este mercado é moito máis que un espazo de compra, é un lugar pensado para vivir experiencias, para que nenas e nenos soen, xoguen e compartan a maxia do Nadal. Lugo merece unhas festas á altura da súa identidade, acolledora e viva. Iniciativas como esta teñen un impacto directo na economía, pero tamén nas emocións, na convivencia e na maneira de sentir colectivamente o Nadal”, explicou o rexedor.

Pola súa banda, o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou que o programa busca apoiar ao comercio local e reforzar unha das épocas de maior actividade do sector. “O noso obxectivo é dinamizar o comercio e incrementar as vendas nun período decisivo. Estas actividades atraen público, fan máis atractiva a visita ao centro e ofrecen ás familias un espazo que combina tradición, ocio e consumo responsable. O comercio local é vital para Lugo, e con iniciativas como esta consolidamos o seu papel como motor económico e social da cidade”, engadiu.

O Goberno local reafirma así a súa aposta por un modelo de dinamización que integra economía, cultura, tradición e participación cidadá, situando o Mercado “Nadalmente Lucense” como un dos espazos estrela da programación municipal durante as festas.

⚙ Configurar cookies
0.079991102218628