Presentan en Friol a apertura do prazo das axudas para a instalación de caldeiras

TerraChaXa | LugoXa
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, anunciou durante unha visita a Maderas Besteiro en Friol, que a Xunta de Galicia activará esta ano 1,5M€ en axudas para apoiar a instalación de caldeiras nos fogares galegos.
19 Xan 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, anunciou durante unha visita a Maderas Besteiro en Friol, que a Xunta de Galicia activará esta ano 1,5M€ en axudas para apoiar a instalación de caldeiras nos fogares galegos.

O obxecto destas axudas é apoiar proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 8000 euros por proxecto.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte as bases desta convocatoria á que se poderán adherir, desde hoxe e ata o 1 de xuño, as entidades colaboradoras interesadas. O prazo para os particulares abrirase o 1 de marzo e rematará o 29 de xuño ou cando se esgoten os fondos, xa que son axudas que se outorgarán por orde de solicitude.

Os apoios favorecerán a mobilización de 3,75M€, aforros económicos anuais de 300.000 euros, así como a redución de emisións e aforros anuais de 6000MWh de enerxía. Tamén posibilitará a creación ou mantemento de 37 empregos.

Con esta liña de axudas, o Goberno galego segue avanzando no seu obxectivo de fomentar o uso de enerxías renovables, neste caso nos fogares, coa importante redución de custos enerxéticos que supón fronte a outro tipo de enerxías. Na convocatoria do ano pasado víronse beneficiados 522 fogares.

O director xeral destacou as vantaxes deste tipo de enerxía e puxo como exemplo a actuación que vén de desenvolver Maderas Besteiro, coa instalación dunha caldeira de biomasa de 960kW para a climatización da nave. Cun investimento total superior aos 200.000 euros e unha axuda da Xunta de 98.000, a empresa aforrará 100.000 euros ao ano na compra de combustibles e 2 millóns de kWH/ano de enerxía, o que suporá deixar de emitir 484 toneladas anuais de gases de efecto invernadoiro. Non é o único investimento que a compañía realiza en materia enerxética, ademais, instalou paneis fotovoltaicos, tamén con axudas da Administración galega, que agora ten proxectado ampliar.

0.13277101516724