Presentan en Friol a marcha solidaria contra o cancro que terá lugar o día 7 de marzo

LugoXa | TerraChaXa
Na actualidade xa hai 70 persoas inscritas procedentes das catro provincias galegas
presentacion-andaina-solidaria-cancro
14 Feb 2026

O Concello de Friol presentou oficialmente a Marcha Solidaria contra o Cancro, que terá lugar o vindeiro 7 de marzo, unha iniciativa promovida polo Club Nordic Walking e pola Asociación Española Contra o Cancro en Lugo e á que o Concello se suma como mostra do seu firme compromiso coa saúde e coa solidariedade.

Durante a presentación, na que estiveron presentes o alcalde de Friol, Jose Ángel Santos; a vicepresidenta do Club Nordic Walking, Cristina Fente; o presidente da AECC, Jose Manuel Rozas, e os concelleiros de Friol Felipe Barata e Ángeles Buján, destacouse a importancia de apoiar o labor fundamental que esta entidade desenvolve en materia de acompañamento, apoio psicolóxico e social ás persoas que conviven coa enfermidade e ás súas familias, así como no impulso da investigación oncolóxica.

Na actualidade xa hai 70 persoas inscritas. Aínda que a maioría proceden da provincia de Lugo, en este momento xa se conta con sendeiristas inscritos das catro provincias galegas.

A marcha terá dúas categorías, unha de carácter competitivo, pero sen premio, e a outra libre. Trátase dunha actividade aberta a toda a cidadanía, pensada como un xesto colectivo de solidariedade e concienciación. “Non é unha carreira, é un xesto de apoio. Cada paso que damos xuntos serve para visibilizar a loita contra o cancro e reforzar os recursos destinados ás persoas afectadas”, sinalaron desde o Concello.

A iniciativa pretende converterse nun punto de encontro para veciños e veciñas de todas as idades, fomentando valores como a empatía, a unión e o compromiso social.

Desde o Concello anímase a toda a sociedade a participar nesta actividade aberta e participativa, lembrando que cada paso conta. “Unidos demostramos que Friol é un municipio solidario, comprometido e consciente.”

As inscricións poden facerse na plataforma de Champion Chip Norte. O percorrido son 16 km, pero na proba libre pode facerse mais corta. A hora de saída será ás 10 dende a Praza Andón Cebreiro.

Agradecemento especial a distintas entidades locais que fan posible esta cita: Club Atletismo Friol, representado por case unha vintena de participantes; Club Ciclismo Friol, pola achega no deseño do circuíto e acompañamento o día da proba, abrindo a marcha coas bicicletas.

Agradecer tamén á Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Lugo, e aos 14 clubs galegos que xa confirmaron presencia. Entre eles, destacamos polo seu prestixio a Trabandainas de Noia, Vía Láctea de Santiago, a Sociedade de Montaña Ártabros (A Coruña), Toxiza Club de Montaña (Mondoñedo) e, no ámbito lucense, a Fluvial Lugo e Mulleres en Forma.

Un agradecemento moi especial ás persoas voluntarias que fan posible este evento e, en particular, a todos os homes e mulleres de Friol que, coa súa axuda e profundo coñecemento do territorio, acompañaron durante estes meses á organización de este evento.

⚙ Configurar cookies
0.063848972320557