Presentan en Lugo o libro que reivindica a pegada de Eloy Maquieira no racionalismo arquitectónico

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Lugo acolleu a presentación do libro Eloy Maquieira. A pegada do racionalismo en Lugo, unha obra de Santiago Catalán e Ángeles Porto que reivindica a traxectoria dun arquitecto clave na transformación da cidade e no impulso da modernidade a través das formas curvas. O traballo afonda na súa etapa como arquitecto municipal e no legado que deixou na paisaxe urbana lucense.
O acto contou coa presenza da neta de Eloy Maquieira, María, que compartiu cos asistentes un emotivo recordo da figura do arquitecto, así como coa presidenta do COAG en Lugo, Carmen Figueiras, quen destacou o valor da publicación.
Entre as autoridades presentes estivo o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que subliñou que a cidade “lle debe moito á modernidade e á paixón polas curvas” de Maquieira e agradeceu aos autores o seu traballo, ao tempo que puxo en valor a implicación do Concello na edición desta obra, xa presentada tamén en Viana do Castelo, onde impresionou ao seu alcalde, arquitecto de profesión e admirador de Maquieira.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, salientou o compromiso do Goberno galego na difusión desta publicación, que contou co seu apoio para achegar á cidadanía unha visión máis ampla da influencia de Maquieira na arquitectura racionalista de Lugo.