Presentan en Lugo un libro que afonda na cultura urbana e no muralismo contemporáneo en Galicia

O libro Pegadas no muro. Cultura urbana e arte nas rúas, editado por Alvarellos Editora e coordinado polas investigadoras Patricia Cupeiro e Miriam Elena Cortés, foi presentado como unha das primeiras publicacións que aborda en Galicia, de maneira integral, o valor e a evolución das expresións artísticas vinculadas á cultura urbana e ao muralismo actual.
A obra xorde en 2024 en Lugo, ao abeiro dun curso organizado na Facultade de Humanidades, e reúne a contribución de catorce especialistas procedentes de múltiples ámbitos, desde o académico ata o profesional. O volume analiza a realidade dos graffitis, da arte urbana e do muralismo público, trazando unha visión que percorre escenarios internacionais e tamén locais.
A investigación parte de Lugo pero prolonga o seu percorrido por diferentes experiencias desenvolvidas en Galicia, con referencias a Ferrol, Burela, Fene, Ordes, Carballo, As Pontes, Vigo ou Compostela, ademais de achegarse a proxectos de Lisboa, México e Santiago de Chile. A publicación incorpora tamén as creacións de oito artistas, entre os que se atopan nomes como Primobanksy, Ferrol Mola, Diego AS, Bublegum, Edu Hermida, Emi de las Heras, Pía Piadosa e Yoe33.
No proceso colaboraron tamén especialistas como Laura Luque Rodrigo, Lorena Arévalo Iglesias, Miguel Anxo Rodríguez González, Adris Díaz Fernández, Beatriz Fernández Herrero, Luzia Oca González, Aurelia Balseiro García, Alba Díaz-Geada, Begoña Fernández Rodríguez, Patricia Cupeiro López, Andrea Barreira Freije, Clara Rodríguez Cordeiro, Ascensión Moreno González e Antonio Alcántara Alcántara.
Durante a presentación, Maite Ferreiro subliñou que as iniciativas impulsadas polo Concello de Lugo nos últimos anos permitiron que a cidade se consolidase como “un gran escenario de expresión da arte urbana”, e puxo en valor que tanto artistas recoñecidos como creadores emerxentes deixaron a súa marca nas rúas lucenses.