Presentan en Lugo unha campaña do Issga para garantir a seguridade nos aproveitamentos forestais
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou en Lugo na presentación dunha nova campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para garantir a seguridade nos aproveitamentos forestais en zonas perigosas. No acto, no que tamén estivo presente a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, González destacou a relevancia deste eido económico na provincia lucense, así como a implicación das asociacións e empresas representantivas do sector á hora de protexer as persoas traballadoras para que o forestal siga servindo de panca impulsora do medio rural.
En palabras do conselleiro, debe quedar claro que é fundamental a formación e información do persoal sobre os riscos máis habituais asociados aos aproveitamentos forestais, establecendo as medidas de protección e prevención pertinentes. Neste caso, trátase de recoñecer as zonas perigosas en tarefas como poden ser a corta manual ou mecanizada de árbores, o tronzado ou saca de madeira e a carga sobre plataforma, máis aló doutras situacións especiais que se poden rexistrar.
Nesa liña, transmitiuse que é primordial situarse fóra das zonas de perigo e asegurarse de que non haxa persoas nelas cando se opera, así como respectar as recomendación de seguridade recollidas nos manuais de instrución dos equipos de traballo e atender ao recollido na avaliación de riscos.