Presentan en Lugo unha ferramenta para a promoción da vivenda
Lugo acolle a presentación da ferramenta web aldeasvivas.gal, unha iniciativa que se enmarca dentro do proxecto Territorio Intelixente promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Conta cunha axuda de 190.137,28 euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e pretende xerar un ecosistema de oportunidades de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía.
O proxecto contempla a posta en marcha do Centro Comarcal de Innovación, Emprendemento e Participación Social, como infraestrutura básica de recursos humanos para o desenvolvemento intelixente do territorio, un proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria a maiores e a promoción da dispoñibilidade de vivenda de alugueiro para permitir a permanencia dos mozos e o asentamento de novos poboadores, mediante un plan específico de retención, captación e integración de poboación no territorio.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou a importancia da innovación dixital para ampliar o impacto das políticas de dinamización do territorio no rural lucense. Acompañada polo presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; e a directora de AGADER, Mº Paz Rodríguez; a subdelegada incidiu “nas oportunidades desta nova fiestra dixital aberta ao mundo, que aglutina nun mesmo espazo información, servizos e oportunidades para a promoción da vivenda ou a creación de emprego”.
Políticas contra o despoboamento
Ademais, defendeu o traballo entre administracións e con entidades e asociacións apegadas ao territorio, sinalando “as políticas de estado contra o despoboamento a través da mellora dos servizos públicos para os habitantes do rural, que permitan tamén promover a implantación de novos poboadores a través dun apoio integral que acolla os seus proxectos vitais”. Finalizou a súa intervención tendendo a man “en nome do Goberno para conseguir un reequilibrio territorial que garanta, neste caso para a montaña lucense e os 13 concellos que formades parte do GDR, a igualdade de oportunidades de todas as persoas, independentemente de onde vivan”.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou na presentación e puxo en valor o labor dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) como entidades dinamizadoras dos territorios e o seu papel como prospectores e captadores de. Ademais, destacou tamén as sinerxías entre os GDR e as administracións públicas -no caso concreto deste proxecto, a administración local, a través da Fegamp- a prol do desenvolvemento rural.
Nesta liña, Paz Rodríguez reafirmou o apoio da Xunta ao traballo dos GDR e subliñou, neste sentido, a ampliación en preto de 4 millóns de euros do crédito destinado pola Consellería do Medio Rural a estas entidades para a anualidade 2024. Desta forma, increméntase a achega total para estes grupos ata superar os 19,2 millóns de euros, na convocatoria Leader 2023/2024.