Presentan na casa museo de Manuel María un libro solidario sobre o conflito de Palestina

LugoXa | TerraChaXa
Estarán presentes algunhas das poetas que colaboran nesta publicación
presentacion-libro-cantos-de-dor-e-liberdade
18 sep 2024

Este sábado, 21 de setembro, ás 19,30 horas, preséntase, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, o libro solidario Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. Neste acto estarán presentes poetas que contribuíron coa publicación e que recitarán os seus propios poemas.

Marica Campo, Margarita Ledo Andión, Luz Darriba, Lois Diéguez, Eva Teixeiro, Almudena Falcón Folgueira, Ánxeles Gracián, Ugia Pedreira, Igor Lugrís, Miro Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo... son algunhas das persoas que participan deste proxecto que, como se di nas palabras finais do volume, “quere ser máis unha expresión da inmensa solidariedade galega co pobo palestino. Do mesmo modo que millares de persoas saen ás rúas da Galiza en protesta polo xenocidio que o sionismo está a cometer en Gaza, poetas e artistas alzan aquí as súas voces e as súas mans para deixar constancia da dor e da rabia por tanto crime e tanta infamia, mais tamén da esperanza dun futuro de Paz e Liberdade en toda a terra da Palestina”.

Esta proposta solidaria foi promovida por Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asociación Galaico Árabe Jenin e Pallasos en Rebeldía, coa colaboración de BDS-Galiza, da editora Tempo Galiza e das persoas autoras que cederon os dereitos das súas creacións. Os beneficios da venda desta publicación van destinados á UNRWA (Axencia de Nacións Unidas de Asistencia aos Refuxiados Palestinos no Próximo Oriente) para a axuda humanitaria da poboación de Gaza.

0.13511300086975