Presentan na sede de COGAMI a nova edición do programa Incorpora

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto co director técnico de explotación de EcoLugo, José Carlos Díaz, e o director do CRD-Fingoi, Juan Gude, presentaron na sede de COGAMI a nova edición do programa Incorpora, unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral das persoas con diversidade funcional no sector da limpeza viaria. Ao acto tamén asistiron formadores e técnicos do programa.
Miguel Fernández destacou a importancia de ofrecer programas que permitan a inclusión real das persoas con diversidade funcional no mercado laboral. "A mellor forma de avanzar cara á inclusión real é ofrecer programas que permitan acceder a un emprego digno", afirmou o rexedor. Sinalou que o emprego é clave para garantir autonomía e igualdade de oportunidades, destacando que este tipo de formacións axudan a romper barreiras e eliminar prexuízos sobre as capacidades das persoas con diversidade funcional.
O programa Incorpora desenvolverase entre o 21 de marzo e o 12 de xuño, na sede de COGAMI. A formación consistirá en 70 horas de capacitación técnica sobre os procesos de limpeza viaria e xestión de residuos, a cargo de Ana Díaz, e 80 horas de formación en competencias transversais, impartidas por Carla Fernández. Neste módulo traballaranse habilidades como a comunicación, o traballo en equipo, a xestión emocional e a resolución de conflitos. Ademais, os participantes recibirán 20 horas de formación dixital para mellorar as súas competencias tecnolóxicas.
A última fase do programa consistirá nas prácticas non laborais, cun total de 130 horas, que se desenvolverán en EcoLugo, permitindo aos participantes adquirir experiencia real no sector e mellorar as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral.
O alcalde subliñou a importancia de que as prácticas se realicen nun servizo de referencia como LuceLugo, recoñecido en 2024 coa Escoba de Platino pola súa excelencia na xestión da limpeza urbana. "Ofrecer oportunidades de formación e emprego nun servizo modélico non só garante aprendizaxes de calidade, senón que tamén permite avanzar cara a unha cidade máis sostible, onde a limpeza e o coidado do espazo público sexan unha prioridade", afirmou Fernández.
Finalmente, o rexedor agradeceu o traballo de COGAMI, EcoLugo e todas as entidades implicadas, e destacou que "Lugo é unha cidade de oportunidades, na que ninguén debe quedar atrás. Con programas como este, reforzamos a cohesión social e seguimos traballando por un futuro no que todas e todos teñamos as mesmas posibilidades de acceder a un emprego estable e de calidade".