Presentan o Club de Produto 'Enogastronomía de Lugo' para reforzar o turismo gastronómico

LugoXa
A iniciativa, financiada polo Plan de Recuperación e co apoio de APEHL, busca consolidar a cidade como destino diferenciado e atractivo para viaxeiros nacionais e internacionais
presentacion-Club-de-Produto-Enogastronomía-de-Lugo
19 Nov 2025

O Concello de Lugo acolleu a presentación do Club de Produto 'Enogastronomía de Lugo', unha actuación enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) '…Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía', financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España a través da Unión Europea – NextGenerationEU.

O Club de Produto nace coa misión de impulsar a competitividade de Lugo como destino de turismo enogastronómico mediante o desenvolvemento dun produto diferenciado e con alto potencial de atracción de visitantes. O modelo baséase na calidade e na tradición culinaria da cidade, contribuíndo a desestacionalizar a actividade turística e aumentar o gasto medio por visitante.

A través desta nova ferramenta, poranse en valor as Denominacións de Orixe, as Indicacións Xeográficas Protexidas, os produtos de Artesanía de Galicia e outros pratos locais que conforman a esencia culinaria de Lugo. Combinado co patrimonio histórico da cidade, o proxecto busca consolidar un destino de forte atractivo enogastronómico.

O acto estivo presidido polo alcalde, Miguel Fernández, acompañado de Mauricio Repetto, edil de Dinamización Económica, e de Fátima Cachafeiro, representante da empresa AVIVAE, adxudicataria do proxecto; e contou coa presenza de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Lugo (APEHL), entidade coa que o Concello traballa de forma consensuada no proxecto. A APEHL estivo representada por José Manuel Cela, vicepresidente, xunto a catro membros da Xunta Directiva: Daniel Romay, Manuel Ángel Fernández, Juan Antonio Agra e José Luis Fernández.

Miguel Fernández agradeceu a participación da APEHL e a implicación do concelleiro Mauricio Repetto e do equipo técnico municipal, destacando que “se trata dunha oportunidade única para reforzar a identidade enogastronómica de Lugo mediante un turismo altamente competitivo, diferenciador e desestacionalizador. Disfrutar da gastronomía local convértese cada vez máis no maior atractivo para os viaxeiros nacionais e internacionais”.

DESENVOLVEMENTO

Desde xullo elaborouse a documentación base do Club de Produto, incluíndo un Plan Estratéxico, un Plan de Acción e os Manuais de Produto cos requisitos que deberán cumprir todas as empresas adheridas. A segunda fase do proxecto iniciará nas próximas semanas con catro sesións informativas para o empresariado, adaptadas a diferentes horarios para facilitar a participación. Posteriormente, as empresas recibirán acompañamento integral presencial, telefónico e por correo electrónico para implantar os manuais e recoller experiencias que logo serán comercializadas.

No marco destas actuacións, tamén se tramita a adhesión de Lugo a Saborea España, a principal plataforma estatal de turismo gastronómico, fomentando sinerxías e promoción a nivel nacional. Mauricio Repetto destacou que “cúmprese así unha demanda histórica da Asociación de Hostalería coa adhesión á plataforma, que xa está en tramitación”.

A iniciativa reforza a colaboración público-privada e integra a oferta enogastronómica co resto de propostas complementarias da cidade. Durante a presentación, o alcalde e o concelleiro de Dinamización Económica animaron a todos os axentes a informarse e participar neste proxecto, co obxectivo de situar a Lugo na excelencia turística enogastronómica nacional e internacional.

⚙ Configurar cookies
0.07509708404541