Presentan o concerto de March Mallow, como parte da celebración do Festival de Jazz

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o responsable da asociación Escobijazz, organizadora do Festival de Jazz, Alberto Grandío, presentaron o concerto que a formación francesa March Mallow ofrecerá o vindeiro 13 de novembro no Círculo das Artes, a partir das 20.30 horas.
O evento, patrocinado pola área de Alcaldía do Concello, forma parte da programación especial co gallo do 25 aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e intégrase na 35ª edición do Festival de Jazz de Lugo, que se desenvolve desde o 1 ata o 15 de novembro.
Durante a presentación, Miguel Fernández explicou que “decidimos patrocinar este concerto como parte da programación para conmemorar os 25 anos da Muralla como Ben Mundial porque, ao igual que o noso máis importante monumento, esta formación combina excelencia, popularidade, calidade e compromiso social, ao render homenaxe a grandes figuras do jazz e do activismo polos dereitos civís, como Nat King Cole e Billie Holiday”.
O rexedor subliñou ademais que “a distinción da Muralla pola Unesco foi un logro colectivo, polo que pensamos que este grupo francés, que revive unha época dourada do jazz e do blues, é perfecto para homenaxear ao noso monumento”. Tamén destacou a gran acollida entre o público: “Desde que se puxeron as entradas á venda, a demanda foi altísima, polo que agardamos un gran éxito”.
Na mesma liña pronunciouse Alberto Grandío, presidente da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, quen sinalou que “de todos os grupos e artistas desta edición, March Mallow é posiblemente o máis accesible e o que máis pode conectar co público en xeral. Conta cunha vocalista de gran talento, Astrid Veigne, e con instrumentistas de altísimo nivel”.
O grupo está formado por Astrid Veigne na voz, Eric Doboka na guitarra, Christian D’Asfel ao piano, Thomas Plès ao contrabaixo e Thomas Leverger ao saxo. Segundo explican desde Escobijazz, March Mallow transporta ao público á estética musical dos anos 50, unha das etapas máis creativas da historia do jazz americano.
O seu repertorio incluirá homenaxes a Nat King Cole e Billie Holiday, dúas das voces máis emblemáticas do xénero, tanto pola súa calidade artística como polo seu compromiso social. O concerto promete recrear a atmosfera dos míticos escenarios neoiorquinos como o Birdland de Manhattan e o Teatro Apollo de Harlem, devolvendo ao público lucense a esencia máis auténtica do jazz clásico.