Presentan o plan de tráfico do XXXIII Dúatlon Cidade de Lugo
O concelleiro responsable da área de Infraestuturas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, anunciou o plan de tráfico correspondente ao XXXIII Dúatlon Cidade de Lugo, que se celebrará na cidade de Lugo o vindeiro domingo 24 de novembro.
Segundo Penas, o evento deportivo organizado pola Agrupación Cultural e Deportiva Fefeme Tríatlon do Miño “contará cun amplo dispositivo para garantir a seguridade de participantes e veciños, minimizando o impacto sobre o tráfico habitual”, explicou.
O concelleiro de Infraestruturas insistiu en que o dispositivo de tráfico “foi deseñado co obxectivo de asegurar que o evento transcorra con total seguridade e que a cidadanía poida adaptarse aos cambios previstos, tendo o menor impacto posible sobre o día a día dos veciños e veciñas de Lugo".
Alexandre Penas explicou que “a proba comezará ás 10.30 horas e está previsto que conclúa ao redor das 13.40 horas. Porén, as vías afectadas permanecerán pechadas desde as 10.00 ata as 14.30 horas para permitir o desenvolvemento seguro das diferentes probas”.
O percorrido incluirá zonas como a Avenida da Fábrica da Luz, Avenida dos Deportes, a estrada LU-P-2902 en dirección Ombreiro, e o Parque das Saamasas. Estes espazos contarán con restricións de acceso e valado para garantir a seguridade dos deportistas e do público.
O concelleiro quixo resaltar o constante contacto con aqueles que poidan verse afectados, xa que “mantemos o compromiso de informar con antelación á veciñanza e negocios desas zonas, asegurando que coñezan os detalles dos cortes e os horarios de reanudación do tráfico”, concluíu.