Presentan o Plan de Tráfico que se desenvolverá pola celebración da VII Media Maratón Cidade de Lugo

LugoXa
O operativo deseñado polo Concello contará con 36 axentes da Policía Local e 70 voluntarios e voluntarias da organización
Medio-Maratón-Cidade-de-Lugo
16 May 2025

A celebración da VII Media Maratón Cidade de Lugo este domingo, 18 de maio, contará con máis de 1.100 participantes e ofrecerá dúas modalidades: unha carreira de 10 km e a media maratón de 21 km.

Para garantir a seguridade viaria e facilitar o desenvolvemento da competición en condicións óptimas, activouse un dispositivo que contempla cortes de tráfico, reservas de aparcadoiro e habilitacións específicas para reducir o impacto sobre a circulación na cidade.

A infraestrutura da carreira instalarase na contorna da Praza da Horta do Seminario, polo que desde o sábado 17 ás 9:00 horas ata o domingo 18 ás 20:00 horas estará pechado ao tráfico o tramo da Avenida Ramón Ferreiro entre a Avenida Alcalde Anxo López Pérez e a rúa Salvador de Madariaga, e reservaranse tamén todas as prazas de estacionamento anexas á praza.

O domingo, desde as 00:00 h. e ata as 13:00 horas, tamén se procederá á liberación de prazas de estacionamento no lateral dereito da Avenida Rodríguez Mourelo, segundo sentido da circulación, desde Ramón Ferreiro ata a Praza de Avilés; na marxe dereita da Avenida Doutor García Portela, segundo o sentido de circulación; e no lateral esquerdo da Avenida Alcalde Anxo López Pérez, fronte ao Edificio Administrativo da Xunta, o Colexio Maristas e a Praza da Constitución.

As vías incluídas no percorrido da carreira cortadas ao tráfico entre as 09:30 e as 13:00 horas son Avenida Ramón Ferreiro, Avenida Alcalde Anxo López Pérez, Rolda da Muralla, Avenida da Coruña, rúa Montefaro, rúa Poeta Manuel María, rúa Otero Besteiro, rúa Anselmo Sampedro Ania, rúa da Milagrosa, rúa Curros Enríquez, rúa Bo Xesús, Praza Santa María, Praza Maior, rúa da Raíña, Praza Santo Domingo, rúa Quiroga Ballesteros, rúa San Froilán, rúa San Fernando, rúa San Marcos, rúa do Progreso, rúa San Pedro, Praza Anxo Fernández Gómez, Praza Campo Castelo, rúa Bispo Aguirre, Avenida Rodríguez Mourelo e Avenida Doutor García Portela.

Permitirase a circulación controlada de vehículos nos seguintes tramos do circuíto:

  • Carril dereito da Rolda da Muralla, segundo o sentido de circulación, desde a rúa San Roque ata a intersección con rúa Monforte. O carril esquerdo quedará reservado para os corredores.
  • Carril dereito da Avenida Ramón Ferreiro, desde rúa Cornubia ata a Fonte do Rei, habilitado con conos para a circulación en dirección San Roque.

Ademais, facilitarase a saída controlada de residentes polos seguintes puntos: Carril dos Loureiros, rúa Vilalba (en sentido contrario pola Rolda ata rúa Santiago), rúa Montevideo (en sentido contrario ata Doutor Xermán Alonso Hortas) e rúa Poeta Curros Enríquez (intersección coa Avenida da Coruña cara a Illas Cíes).

O operativo deseñado polo Concello contará con 36 axentes da Policía Local e 70 voluntarios e voluntarias da organización, que velarán pola seguridade do evento e pola boa coordinación co tráfico urbano.

⚙ Configurar cookies
0.15642905235291