Presentan o Plan Municipal de Vivenda para Lugo co fin de mobilizar pisos baleiros e fomentar a rehabilitación

O Concello de Lugo anunciou a elaboración dun Plan Municipal de Vivenda orientado a responder á crecente demanda de pisos dispoñibles e frear o encarecemento da vivenda. Trátase dun instrumento estratéxico que busca incrementar o parque residencial, fomentar o alugueiro e impulsar a rehabilitación de inmobles, estruturado en tres obxectivos fundamentais: conservar e rehabilitar o parque existente, mobilizar as vivendas baleiras e aumentar a oferta de novas residencias para a veciñanza.
No primeiro eixo, a conservación e rehabilitación do parque existente, o Concello prevé medidas concretas para mellorar e manter os 62.648 pisos da cidade, moitos deles con décadas de antigüidade. Entre estas accións inclúense a axilización da concesión de licenzas, o reforzo do Servizo de Arquitectura e a aprobación inminente da nova Ordenanza de Conservación e Rehabilitación, que entrará en vigor antes de rematar 2025 e permitirá actuar ante incumprimentos nos deberes de mantemento. Ademais, crearase un inventario de inmobles en mal estado, que permitirá aplicar medidas de expropiación, venda ou substitución forzosa, priorizando os edificios catalogados.
O Concello tamén fomentará axudas á rehabilitación, lembrando que a última convocatoria destinou 850.000 euros ao Casco Histórico, e impulsará un programa de adquisición de vivendas para rehabilitar e destinar a alugueiro ou venda a prezo limitado a través de Evislusa. Fernández lamentou que a Xunta de Galicia non abrira unha segunda convocatoria dos Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada, “bloqueando centos de millóns de euros e impedindo que barrios como A Milagrosa ou Feijóo puideran beneficiarse desta liña”.
O segundo obxectivo céntrase en mobilizar as vivendas baleiras, que actualmente suman 10.700, o que representa un 17 % do parque total. Para corrixir esta situación, o plan contempla aplicar un recargo no IBI de ata o 150 % ás vivendas vacantes de grandes propietarios, coa finalidade de incentivar a súa posta en uso.
Ademais, crearase unha Bolsa Municipal de Alugueiro Asequible, xestionada por Evislusa, na que as persoas propietarias poderán ceder as súas vivendas baleiras ao Concello de forma remunerada e con garantías, recibindo bonificacións fiscais do 95% no IBI. Estas vivendas destinaranse a alugueiros por debaixo do prezo de mercado, facilitando un acceso máis digno á vivenda.
O terceiro obxectivo céntrase en aumentar o parque de vivenda dispoñible mediante medidas que fomenten a oferta residencial, tanto pública como privada, e un modelo de crecemento sostible. Para iso, modificarase a normativa e as ordenanzas do PXOM para facilitar o cambio de uso e mellorar as condicións de habitabilidade, coa aprobación definitiva prevista para o segundo semestre de 2026. Ademais, limitaranse as vivendas de uso turístico, que só poderán autorizarse en edificios de uso exclusivo ou nas plantas baixas e primeiras, co fin de protexer o mercado residencial. Crearase tamén novo solo urbanizable, con máis de 300.000 m² en xestión, garantindo unha reserva mínima do 40 % para vivenda protexida. O alcalde destacou a colaboración co IGVS, que permitirá construír 1.200 vivendas novas no Sagrado Corazón e desenvolver outras actuacións en diferentes zonas da cidade.
Miguel Fernández resaltou que o Plan Municipal de Vivenda non é só unha ferramenta técnica, senón “un compromiso político e social co dereito a unha vivenda digna e coa calidade de vida da veciñanza”. Engadiu que o obxectivo é que a vivenda sexa un dereito real e que a xuventude poida desenvolver o seu proxecto de vida en Lugo, sen ter que marchar por falta de oportunidades.
O rexedor aproveitou para agradecer a colaboración do director xeral de Urbanismo, Hipólito Pérez, do concelleiro Jorge Bustos e de Benigno Jáuregui, xerente de Evislusa, pola súa contribución á elaboración do plan. “Con este proxecto, Lugo dá un paso adiante, planifica o seu futuro e pon ás persoas no centro das políticas de vivenda. Porque a mellor forma de construír cidade é garantir que todas e todos teñan un fogar digno no que vivir”, concluíu Fernández.