Presentan o proceso de avaliación para a renovación da acreditación do Campus Terra en Lugo

LugoXa
Este procedemento busca facer balance do traballo desenvolvido pola USC desde a acreditación outorgada pola Xunta en 2021
Avaliacion-Campus-Terra-Lugo
24 Feb 2025

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, presentaron en Lugo o proceso de avaliación da acreditación do Campus Terra.

Este procedemento busca facer balance do traballo desenvolvido pola USC desde a acreditación outorgada pola Xunta en 2021 e preparar a renovación da mesma para os vindeiros anos.

Durante a súa intervención, José Alberto Díez destacou o apoio do Goberno galego a esta iniciativa, que considerou unha "gran oportunidade para a provincia de Lugo". Ademais, subliñou que a Xunta leva investidos máis de 8,8 millóns de euros no Campus Terra desde a súa creación, co obxectivo de consolidalo como un referente científico e social nos ámbitos relacionados coa sustentabilidade económica, social e medioambiental dos recursos da terra.

Tamén lembrou que a estratexia de acreditación dos campus, pioneira en España e impulsada pola Xunta desde 2013, permite garantir financiamento propio e específico para mellorar o posicionamento e a calidade docente e investigadora. Ata o momento, o goberno autonómico ten destinado máis de 35 millóns de euros a esta liña de actuación, fortalecendo a identidade e as potencialidades de cada campus galego.

Balance e avaliación

O proceso de avaliación conta cun Comité externo que analizará documentalmente a traxectoria e o traballo realizado desde 2021, ademais de revisar o Plan estratéxico para os próximos catro anos. Ademais, os expertos realizarán entrevistas con diversos grupos de interese, incluídos investigadores, empresas, estudantes e grupos de investigación.

As visitas a infraestruturas científicas serán unha parte fundamental da avaliación. Entre os centros que se inspeccionarán atópanse o Hospital Veterinario Rof Codina, o Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET), a Aula de Habilidades Clínicas da Facultade de Veterinaria e o Laboratorio de Automatización de Procesos Robotizados da EPSE.

Finalmente, a decisión do comité determinará a renovación da acreditación, podendo incluír recomendacións estratéxicas para a mellora do Campus Terra nos vindeiros anos.

⚙ Configurar cookies
0.11870718002319