Presentan o proxecto para a creación de 165 prazas de aparcamento gratuítas no Fogar de Santa María
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentaron este martes na explanada do Fogar de Santa María o proxecto co que a institución provincial creará 165 prazas de aparcamento gratuítas neste recinto.
José Tomé anunciou que as obras, nas que a institución provincial inviste medio millón de euros, están en fase de licitación e arrancarán na primavera, polo que, tendo en conta que o prazo de execución é de catro meses, á volta do verán o espazo remodelado estará a disposición da cidadanía.
“Multiplicamos por catro a capacidade de estacionamento deste recinto, ofrecendo así un dos párkings gratuítos máis grandes de Lugo, situado en pleno centro da cidade, co que favorecerá a comodidade e facilitará enormemente a mobilidade”, subliñou o Presidente, quen incidiu en que esta actuación “fará máis accesible, cómodo e humanizado” o entorno dos pavillóns de Santa María coa reordenación dos espazos, afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, execución dunha rede de pluviais, instalación de luminarias, e acondicionamento do acceso peonil entre as zonas superior e inferior do complexo.
Desta forma, as obras, asegurou, “mellorarán as condicións dos empregados públicos da Deputación que traballan aquí, pero, ó mesmo tempo, permitirannos ofrecer novos servizos á toda a cidadanía, pois crearemos máis prazas de aparcamento, que poñeremos a disposición dos veciños e das veciñas de maneira totalmente gratuíta, fóra do horario laboral dos traballadores provinciais”.
Na presentación do proxecto estiveron tamén a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández, e a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos.
As obras
Os traballos afectarán á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María. Entre as actuacións previstas, a responsable do proxecto explicou que se demolerá o pavimento actual, prepararase unha nova plataforma e nivelarase a zona próxima á fachada que alberga o servizo de Vías e Obras. Tamén está prevista a execución dunha rede de pluviais, coas conexións necesarias aos sumidoiros e ás baixantes dos edificios. Dotarase á zona de alumeado, actuarase sobre o firme co seu afirmado e a súa pavimentación, e humanizarase o espazo co axardinado. Acondicionarase o acceso peonil entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios e finalmente, sinalizarase.
“É certo que nos gustaría ter avanzado máis rápido, pero non foi posible por causas alleas á Deputación, senón motivadas polo cambio do contexto económico coa subida de prezos pola guerra en Ucraína”, explicou o mandatario provincial, quen detallou que foi necesario revisar o proxecto e actualizar custes, pasando dis 372.000€ iniciais ata os 465.000€, un 25% máis.
Neste sentido, apuntou que tanto as administracións como os representantes institucionais deben “cumprir coa palabra dada, e reaccionar con seriedade e sen estridencias ante as circunstancias imprevistas que xorden no camiño”. “E así o fixemos, con seriedade e rigor. Explicamos a situación, revisamos os prezos e volvemos a sacar a licitación as obras, que acometeremos unha vez adxudicadas”. Informou de que, na segunda licitación que está en marcha, presentáronse tres empresas lucenses -Sanle SL, Grupo Bascuas e Ovisa Pavimentos y Obras SL-, e xa se celebrou a primeira mesa para abrir os sobres de documentación administrativa e a oferta técnica, que está en fase de valoración. Avanzou que na vindeira semana haberá unha nova reunión para realizar a apertura das ofertas económicas e, unha vez rematado este proceso, “a mesa de contratación fará unha proposta de adxudicación, seguidamente asinarase o contrato, farase a acta de replanteo e darán comezo as obras”.
Recalcou o presidente que a reforma do entorno do Fogar de Santa María “súmase ó investimento de 1,7M€ que xa fixo a Deputación para a rehabilitación do pavillón 1 e 2”, polo que leva dedicado máis de 2,2M€ en total á mellora deste emblemático complexo. “Resultado da liña de diálogo e colaboración” coa alcaldesa de Lugo o Presidente destacou que este proxecto “é un novo resultado da liña de diálogo e colaboración tan frutífera que mantemos a Deputación e o Concello de Lugo”, e concorda “co
modelo de cidade que impulsa a alcaldesa, Lara Méndez, e que compartimos e apoiamos desde a Deputación”.