Presentan Terra Move, unha plataforma pioneira para impulsar o mecenado deportivo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Xunta anima aos clubs lucenses a rexistrarse nesta ferramenta dixital gratuíta que facilitará a captación de fondos para proxectos deportivos
Terra-Move-presentacion-Xunta-deporte-Lugo
6 Nov 2025

O salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu un encontro entre o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o delegado territorial Javier Arias e máis de setenta clubs da provincia, pertencentes a disciplinas como fútbol, baloncesto, atletismo, motociclismo, iudo, fútbol sala, pádel ou tenis de mesa.

O obxectivo da reunión foi presentar Terra Move, unha nova plataforma solidaria impulsada pola Administración autonómica en colaboración coa Fundación Amare Terra, cuxo presidente, Jesús Martínez, tamén participou no acto.

Durante a presentación, os responsables autonómicos explicaron que Terra Move nace como unha ferramenta dixital “gratuíta, innovadora e solidaria” destinada a facilitar o mecenado e a captación de fondos para clubs, federacións e deportistas galegos. A plataforma permitirá que particulares e empresas poidan apoiar proxectos deportivos de maneira sinxela e segura desde o teléfono móbil, enviando fondos directamente ás entidades inscritas, que á súa vez poderán beneficiarse das deducións fiscais previstas na lexislación española.

Este proxecto, pioneiro en España, conta cun financiamento da Xunta de 250.000 euros, o que representa o 45% do investimento previsto para o período 2025-2027, etapa na que se desenvolverá ata acadar a súa consolidación e expansión definitiva. Os representantes autonómicos destacaron que esta iniciativa “sitúa a Galicia á vangarda do mecenado deportivo, ofrecendo ás entidades a oportunidade real de captar recursos e fortalecer a súa actividade diaria”.

O delegado territorial animou os clubs lucenses a sumarse á plataforma e a aproveitar “esta nova ferramenta que pon a tecnoloxía ao servizo do deporte e da solidariedade, e que contribuirá a potenciar e consolidar a actividade deportiva en toda a provincia”.

⚙ Configurar cookies
0.073050022125244