Presentan un amplo programa para o 25N contra a violencia machista en Lugo

LugoXa
O Concello impulsa unha semana de actividades culturais, divulgativas e sociais para sensibilizar e mobilizar á cidadanía
25N-Lugo-alcalde-e-concelleira-muller
18 Nov 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, deron a coñecer o programa municipal organizado con motivo do 25 de novembro, unha proposta extensa que se desenvolverá entre o 24 de novembro e o 1 de decembro e que busca concienciar, visibilizar e implicar á sociedade na loita contra a violencia machista.

Entre os actos principais destaca a exposición '29 Miradas', un proxecto artístico colectivo en defensa das mulleres afgás no que participan máis de 70 profesionais da fotografía, o xornalismo, a literatura, o cinema, a socioloxía e o deporte. A mostra inclúe 32 imaxes recreadas en diferentes puntos de España acompañadas de textos de autoría recoñecida.

A exposición complétase con documentos e testemuños de mulleres afgás refuxiadas, como Khadija Amin ou Nilofar Ayoubi, así como traballos do reporteiro Antonio Pampliega e a participación da deportista Sandra Sánchez. Ademais, nas ludotecas Maruja Mallo e A Milagrosa organizaranse obradoiros para nenos e nenas de 6 a 11 anos centrados na educación en igualdade a través da creatividade, o diálogo e o pensamento crítico.

O Foro polo Día Internacional contra a Violencia ás Mulleres celebrarase o 24 de novembro no Impulso Verde e contará coa participación de profesionais como Sandra María Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial, ademais de asesoras e psicólogas dos CIM de Lugo e Sarria e persoal especializado en violencia de xénero da Policía Nacional (UFAM). No coloquio abordaranse os principais desafíos de futuro nesta loita.

O acto institucional central terá lugar o 25 de novembro, ás 13.00 horas, na Praza de Santo Domingo, coa lectura do manifesto a cargo de Karla Andreina Bohorquez Henriquez, usuaria da Casa da Muller, e cunha actuación musical de Branca Villares. Nese mesmo día levaranse a cabo diversas accións de sensibilización xunto ao tecido asociativo, entre elas o reparto de abanicos morados —en colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo— como símbolo colectivo de rexeitamento á violencia machista, a partir das 13.30 horas.

Xa pola tarde, o Vello Cárcere acollerá ás 18.00 horas a montaxe “Mulleres contra a violencia. Susurrando, falando, berrando, soando”, da Asociación Corazóns Artesáns, cun programa que inclúe estampación de camisetas, recital poético, cantigas dirixidas por Blanca Villar e a estrea da peza Torna e torna e torna, un chamamento ao coidado persoal e colectivo.

Durante a presentación, o rexedor subliñou a importancia desta programación e o compromiso firme do Concello coa igualdade. Afirmou que se trata “dun dos programas máis relevantes do ano”, xa que non é só unha oferta cultural ou informativa, senón “un exercicio de responsabilidade social e política na defensa dos dereitos das mulleres, da súa liberdade e da igualdade real”. Fernández remarcou que o 25N obriga a mirar “sen evasivas” unha realidade que segue a ser “intolerable”, lembrando que cada día hai mulleres que sofren violencia polo simple feito de selo. Por iso insistiu na obriga das administracións públicas de “actuar, acompañar, educar e previr”.

O alcalde engadiu que Lugo é “unha cidade que non cala, que non aparta a mirada e que entende que esta batalla é colectiva”. Destacou que “non pode haber retrocesos nin discursos ambiguos, porque a vida e os dereitos das mulleres non son obxecto de debate”.

Pola súa banda, a concelleira Ángeles Novo insistiu na necesidade de sumar esforzos en todos os niveis da sociedade. Describiu a violencia machista como “un problema estrutural que non entende de fronteiras nin ideoloxías” e apelou á colaboración de todas as administracións e da cidadanía. Sinalou que non abondan as declaracións de intencións, senón que fan falta recursos, coordinación e unha mensaxe clara e unitaria. Subliñou que só coa unidade institucional e o compromiso social se poderá avanzar cara “unha Lugo máis segura, libre e xusta para todas as mulleres”.

Novo explicou que o Concello porá en marcha unha campaña municipal do 24 de novembro ao 1 de decembro, con paneis con mensaxes contra a violencia machista nas portas da Muralla e unha instalación conmemorativa no balcón da Casa do Concello.

Novo concluíu asegurando que todas estas iniciativas impulsadas desde a súa área buscan “activar á sociedade lucense e reforzar a unidade institucional, amosando un compromiso claro e decidido coa igualdade e cos dereitos das mulleres”.

⚙ Configurar cookies
0.50881505012512