Presentan un proxecto para habilitar dous puntos de acceso ao baño libre no río Miño
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos vén de trasladar á Confederación Hidrográfica un proxecto para habilitar dous puntos de acceso ao baño libre no Miño coa finalidade de que este verán, os e as lucenses, poidan aproveitar o río para refrescarse durante os meses de calor e gozar do patrimonio natural do municipio dunha maneira non invasiva e respectuosa coa contorna e coa flora e a fauna que a habita.
“Non é propiamente a praia fluvial para a que dispoñemos da concesión por 25 anos pero non imos renunciar a que as e os lucenses poidan exercer o seu dereito a bañarse con comodidade no río”, afirmou.
“Ante a intransixencia da Xunta de Galicia a facilitar a instalación dunha praia fluvial en Lugo, que permita entrar na auga de maneira confortable e segura a calquera persoa, independentemente da súa idade e das súas necesidades de mobilidade, buscamos unha proposta alternativa que cumpra con todos os requirimentos que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural impuxo nos anteriores informes que emitiu, co obxectivo de que neste 2024 a cidadanía xa non se vexa privada dese dereito que lle corresponde e para o que o Concello leva feito tanto un traballo documental como un investimento público moi importante”, sinalou Alvarellos Fondo.
Así, a rexedora explicou que este luns foi presentado no rexistro da CHMS un escrito solicitando instalar dúas ramplas de acceso ao río con carácter provisional (como moito tres meses comprendidos nun período entre o 15 de xuño e o 15 de setembro) destinadas a ser un elemento supletorio que facilite o baño tanto a crianzas como a adultos.
O lugar escollido: o mesmo no que o Concello dispón dunha concesión durante un cuarto de século para habilitar unha sorte de praia fluvial e que, no seu día, contou xa co beneplácito da Xunta por considerarse a situación idónea para tal fin, tendo en conta os resultados dunha batimetría que avalaba que este emprazamento cumpría coas mellores condicións para o baño e o acceso dende a beira do río.
“Isto permitiranos, á súa vez, posibilitar que a poboación dispoña de servizos nas inmediacións, aproveitando as dotacións coas que xa contamos alí, como poden ser os aseos públicos, o mobiliario (mesas, tumbonas, etc) e mesmo o parque infantil que se acondicionou recentemente e que complementan a oferta de ocio que existe para as familias na contorna”, indicou Paula Alvarellos.
A mandataria local avanzou que as ramplas (que cumpren todas as normas vixentes en materia de industria, seguridade e saúde) terán unhas dimensións de 200 cm de ancho por 495 cm de longo cada unha. Estarán conformadas por estruturas de aluminio e superficie transitable de PVC que imita a madeira, para facilitar a súa montaxe e desmontaxe coa mínima afección ao entorno fluvial, mais mantendo as debidas condicións de protección tanto na instalación coma no seu uso, xa que se poderá transitar pola súa superficie sen calzado algún.
A razón de que a superficie transitable sexa de PVC e non de madeira, obedece á maior estabilidade do material fronte a variacións de temperatura e humidade e a maior resistencia fronte a abrasións, evitando así posibles lesións por estelas, etc.
“Estas estruturas servirán como punto de acceso ao río, ás que, para evitar un mal uso así como proporcionar seguridade ás persoas usuarias, dotaremos na parte superior dunha varanda formada por puntais metálicos unidos por corda náutica de naylon marítimo (sen putrefacción). Os soportes que lle dean sustento serán de aluminio, de calidade naval, anticorrosivo e, polo tanto, cero contaminación”, abondou Alvarellos.
A alcaldesa fixo fincapé na rigorosidade do traballo técnico realizado dende a área de Transición Ecolóxica para elaborar esta memoria, contemplando as indicacións necesarias para corrixir todos aqueles aspectos aos que a Xunta foi aludindo para sustentar os seus informes negativos, no empeño de rexeitar as propostas municipais.
Deste xeito, na alternativa que agora se achega, se opta porque as ramplas estean amarradas con grilletes a mortos de formigón que evitarán movementos do conxunto por ondas ou imprevistos (facilitando a súa adaptación a posibles aumentos ou diminucións de caudal e/ou de nivel) pero que, no canto de ao leito do río, se colocarán na beira onde non existe risco de afección a ningunha especie animal ou vexetal protexida.
“A súa instalación non implicará a modificación do leito do Miño, dado que non se realizará o anclaxe mediante pilotes ou similares e, aínda que se colocarán elementos de formigón nas beiras para o amarre das dúas ramplas proxectadas, estes serán debidamente retirados cando se saque a estrutura”, engadiu Paula Alvarellos.
A previsión é que as ramplas poidan colocarse aproveitando dúas zonas da marxe esquerda do río Miño, con pendente adecuada para a súa instalación e axeitando á mesma os mortos de formigón cun mínimo movemento de terra que, posteriormente, será reposto ao seu estado orixinal.
Ademais, entre outras precaucións, durante a execución das obras evitarase calquera enturbamento das augas fluviais e non se depositarán residuos nin no leito nin nas súas marxes, deixando aberta a servidume de uso público. Igualmente, tanto a montaxe como a desmontaxe das estruturas realízanse basicamente de xeito manual e para o seu transporte non se utilizará maquinaria pesada (os vehículos empregados non superarán os 3.500 kg de PMA) coa finalidade de que non se altere nin se deteriore de ningún xeito a ribeira do río nin se dane a fauna e flora existentes na zona.
Antes de rematar, a rexedora lucense indicou que, de xeito paralelo, a Institución local iniciou xa (ao igual que en anos anteriores) a tramitación para poder dispoñer do servizo de socorrismo e quixo agradecer á Confederación a dilixencia coa que o Organismo da Cunca se ofreceu a estudar a petición do Concello que, entre outros trámites, esixe de exposición pública e do preceptivo informe da Xunta de Galicia.
“Ao igual que todo fai pensar que este ano finalmente si se poderá arranxar o caneiro do Muíño, a verdade é que nós tamén agardamos a máxima colaboración por parte de todas as Administracións implicadas para que ás e aos lucenses se lles permita dispoñer dun sistema de acceso ao río que, non sendo as piscinas fluviais inicialmente proxectadas, si lle faciliten o baño nunhas condicións confortables”, referiu a alcaldesa de Lugo ao tempo que anunciou que, tamén esta mañá, dirixiu outro escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural solicitando a realización un encontro técnico – político que permita abordar aos tres organismos públicos o proxecto da zona de baño no municipio.
“En febreiro, co acordo maioritario do Pleno da Corporación, instamos á Xunta a realizar unha prospección no Miño para que determinase en que lugar resulta viable habilitar esta instalación dentro da área da cidade segundo o seu criterio técnico, habida conta de que todos os informes técnicos presentados anteriormente polo Concello apoiando o proxecto foron rexeitados. Pasados tres meses sen recibir ningunha contestación, convidámolos de novo a manter unha xuntanza e, unha vez máis, tendemos a man para que Concello, Xunta e Confederación Hidrográfica nos sentemos a tratar este tema reiterando o noso compromiso de sufragar parcial ou totalmente o custo dos devanditos traballos. O que queremos é que a Xunta – que ao final é quen está condicionando en última instancia a viabilidade da praia fluvial - nos diga primeiramente onde instalala para non perder máis tempo nin malgastar máis recursos públicos en balde”, concluíu Paula Alvarellos.