Presentan unha gran programación en Lugo para conmemorar o Día de Rosalía

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo promoven unha programación especial para conmemorar o Día de Rosalía, que celebra o legado da poeta, coincidindo co aniversario do seu nacemento.
A programación arranca o venres 21 de febreiro coa actuación de Mamá Cabra, un grupo pioneiro na música infantil en galego, e o festival 'As literatas para Rosalía de Castro', que contará cos concertos de Laura LaMontagne e Nebra.
As actividades continuarán o domingo 23 de febreiro cun reparto de láminas conmemorativas da data nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo, que destacan as primeiras traducións ao inglés da obra de Rosalía de Castro realizadas por Ruth Matilda Anderson.
A deputada de Cultura, Iria Castro, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, explicaron que "un ano máis promovemos unha ampla programación que invita a achegarse á figura e obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como referente cultural e feminista".
As literatas para Rosalía de Castro
Por segundo ano consecutivo, a área de Cultura organiza a xornada musical 'As literatas para Rosalía de Castro', que destaca a influencia da poeta como precursora e inspiración da creación artística contemporánea.
As protagonistas serán a poeta e música Laura LaMontagne, coñecida por musicar poemas de Rosalía de Castro, e o grupo musical Nebra, que tamén mantén un vínculo coa literatura ao poñerlle música a un dos célebres poemas galegos de Federico García Lorca.
As actuacións, gratuítas e con entrada libre ata completar aforo, terán lugar o venres 21 de febreiro, a partir das 20:00 horas, na Capela de Santa María.
Durante a tarde do venres, a programación estará orientada ao público infantil cunha actuación de Mamá Cabra, o grupo pioneiro na música infantil en galego.
A banda de Gloria Mosquera ofrecerá na rúa Quiroga Ballesteros de Lugo o concerto 'Mamá Cabra. 25 anos', onde repasarase os temas máis exitosos da súa traxectoria, desde o seu primeiro disco Cantos Rodados ata A fraga do meu avó, o seu último libro-CD sobre o amor pola natureza e os animais.
Caraveis e láminas na Rede Museística
Os catro museos da Rede Museística Provincial, o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Fortaleza de San Paio de Narla, agasallarán aos visitantes cun caravel e unha lámina conmemorativa do Día de Rosalía, que este ano destaca a primeira tradución ao inglés da obra de Rosalía de Castro por Ruth Matilda Anderson.
A lámina, cunha ilustración da deseñadora gráfica Laura Alonso, reproduce as estrofas de Castellanos de Castilla que a etnógrafa e fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson inclúe no seu ensaio Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (The Hispanic Society of America, 1939), resultado do traballo investigador e fotográfico realizado en Galicia nos anos 20 do século XX.
Este tema tamén será o centro do Encontro de Saberes Arredor de Rosalía, que se celebrará o luns 24 de febreiro, ás 19.00 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Nel participará a tradutora Alba Rodríguez Saavedra, quen na súa labor investigadora sinalou a Ruth Matilda Anderson como a maior tradutora de Rosalía de Castro desde o galego ao inglés ata 1964.