Preséntanse os orzamentos do Concello de Lugo para 2026, que ascenden a 131,9 millóns de euros

O Concello de Lugo presentou os orzamentos para 2026, que será o máis alto da historia, xa que chegará aos 131,9 millóns de euros. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o tenente de alcaldía, Rubén Arroxo, presentaron o documento que reflicte un incremento do investimento por habitante ata os 1.319 euros, un 6,6 % máis ca no exercicio anterior, reforzando a capacidade do Concello para mellorar servizos públicos, impulsar investimentos estratéxicos e acompañar o crecemento da cidade.
Miguel Fernández destacou que o proxecto de Orzamentos para 2026 concíbese como unha guía estratéxica para impulsar a transformación de Lugo, combinando ambición política, planificación detallada e unha clara orientación ao ben común. O alcalde subliñou que estas contas chegan nun momento decisivo para a cidade, no que resulta imprescindible adoptar medidas que permitan avanzar con maior intensidade na modernización urbana, no fortalecemento dos servizos públicos e na mellora da calidade de vida da cidadanía.
O plan orzamentario organízase arredor de seis grandes prioridades políticas que guían todas as partidas e determinan as liñas principais do Goberno local para o exercicio 2026. O primeiro deles céntrase na mellora da calidade de vida da veciñanza, reforzando o escudo social, os servizos públicos e as políticas de apoio ás familias, ás persoas maiores e aos colectivos máis vulnerables. O segundo eixo enfócase na transformación urbana, cunha aposta decidida pola zona norte da cidade a través da Estratexia Novo Norte, concibida como unha ferramenta de reequilibrio territorial e de igualdade de oportunidades entre os diferentes barrios. O terceiro obxectivo pon o acento no patrimonio cultural como motor económico e identitario, promovendo proxectos estratéxicos que permiten conservar e valorizar o patrimonio ao tempo que se converte en actividade cultural, turística e económica. Ademais, os orzamentos consolidan un modelo de cidade sostible, no que o coidado do medio ambiente, os espazos verdes e a mellora da calidade urbana forman parte central das políticas públicas e da vida diaria. O quinto eixo prioriza o desenvolvemento económico e a creación de emprego, incorporando mecanismos para modernizar a actividade económica, atraer investimento e reter talento, mentres que o sexto sitúa a educación e a igualdade de oportunidades como piares fundamentais para asegurar o futuro da cidade.
ORZAMENTOS DAS CONCELLERÍAS DO BNG
Con respecto aos investimentos pola parte Nacionalista, representada pola Tenencia de Alcaldía, Rubén Arroxo defendeu “uns orzamentos moi importantes para os retos actuais da cidade, e ademáis nun momento especial", en mención a que Lugo superou por vez primeira neste ano os 100.000 habitantes, "aínda que xa os superara no 24, oficialmente para o INE foi neste ano pasado 2025", lembrou Rubén Arroxo, quen destacou que Lugo está a batir tamén cada ano o récord de visitantes, "e agora reflectímolo con maior orzamento da historia de Lugo, que é o que presentamos", afirmou.
Nos obxectivos para o orzamento do 2026, Arroxo marcou como liña central das contas "o coidado do espazo público, e seguir avanzando na mellora da seguridade peonil". Rubén Arroxo anunciou que o Goberno de Lugo seguirá "reforzando a seguridade escolar e avanzando no obxectivo de que toda persoa de Lugo teña un espazo, unha zona de estar con bancos e árbores, onde pasar o tempo libre e onde socializar co resto da xente a menos de 5 minutos da casa".
Outro obxectivo, segundo declarou o tenente alcalde, será "seguir a darlle vida a Lugo, facer que a cidade siga a ter unha axenda cultural que combine o protagonismo de todo o talento local, que temos moitísimo, con agrupacións que tamén virán de fóra".
Así, as partidas máis relevantes, comezando polas áreas de Mobilidade e Infraestruturas, onde se gardan 900.000 euro para repavimentacións e asfaltados de rúas, que serán acompañados por 100.000 euros para o repintado da sinalización horizontal.
No apartado de mellora da circulación, Rubén Arroxo anunciou 600.000 euros para realizar unha serie de rotondas que permitirán mellorar a fluidez de cruzamentos regulados por semáforos. En concreto, serán catro rotondas na Avenida de Magoi, unha no cruzamento entre a avenida de Breogán e a rúa do Colexio Casás, e outra para mellorar o cruzamento entre Angelo Colocci e Santo Graal. Con respecto ás zonas industriais, contarán con 250.000 euros para o mantemento das súas vías, "algo que permitirá que máis empresas opten por situarse nos polígonos de Lugo".
Por outra banda, Arroxo anunciou 238.000 euros para o acondicionamento da unión de San Lázaro coa Louzaneta. Ademáis, atendendo a reclamacións veciñais, incluíronse 125.000 euros destinados á humanización de Río Eo e Otero Pedrayo, no espazo dunha antiga discoteca. Avanzarase tamén na mellora das contornas escolares, dedicando 100.000 euros para a renovación da proximidade do Colexio Illa Verde "un proxecto de calmado do tráfico con ampliación de beirarrúas, tal e como se fixo no colexio Rosalía, e que vai permitir mellorar a seguridade peonil na zona transitada polas nenas e nenos", explicou Arroxo.
Na zona norte investiranse 20.000 euros para o acondicionamento da rúa Lavandeira, na Piringalla, unha rúa que se atopa “nun avanzado estado de desgaste” e na que se realizará unha intervención integral, e ademáis resérvanse 160.000 euros para a renovación do alumeado público da rúa Cambria e 150.000 euros para novo mobiliario urbano.
Por último no que respecta á área de Mobilidade e Infraestruturas, Arroxo anunciou 970.000 euros para a construcción dunha pasarela sobre a Rolda da República Arxentina. “Esta avenida mide case 1 km, e só se pode cruzar na parte norte e na parte sur, polo que a pasarela permitirá crear un novo punto de cruzamento no medio da rúa e unirá dúas zonas verdes, creando un itinerario polo que se vai poder ir camiñando dende o centro ata o Miño".
Con respecto á área de Cultura, resérvanse 1.093.000 euros para o San Froilán e, deses, 475.000 euros serán para concertos, “porque o San Froilán ten un importante gasto en gasto en produción, dende escenarios, postos de venta, ou iluminación ornamental entre outros gastos". Arroxo destacou a colaboración da Deputación de Lugo "para paliar o gasto en producción e permitirnos contar con máis cartos para concertos", e criticou "que a Xunta siga aportando só 15.000 euros, unha cantidade irrisoria que agardamos que algún día mellore"
A área de Cultura tamén dedicará 40.000 euros no Vello Cárcere, para o pintado do exterior edificio, “que está comezando a deteriorase", ademais de 50.000 euros para a renovación de diversos elementos no Auditorio Gustavo Freire, 45.000 euros para o Fuxan os Ventos, 15.000 euros para a Banda de Música e 20.000 euros para as salas museísticas municipais.
Con respecto á programación cultural anual, esta conta cun orzamento de 650.000 euros "que permitirán seguir mantendo unha gran cantidade de actividades non só nos catro edificios, senón tamén a importante selección de actividades de rúa que hai ao longo do ano". Por último, Arroxo anunciou 53.800 euros para a Cabalgata de Reis "co obxectivo de repetir o éxito da organizada para este ano".
Pola súa parte, na área de Participación, a Praza de Abastos contará con 20.000 euros para arranxar locais, e 50.000 euros para acometer melloras, instalando sistemas de extracción de gases "o que permitirá instalar negocios de hostalería nalgún dos postos baleiros". O Cemiterio Municipal contará con 157.000 euros, xa que se proxecta adquirir material necesario para a instalación de cadeiras, un cortacéspede ou un dumper, ademais de facer arranxos nos espazos comúns e acometer a ampliación do espazo para mascotas. Ademáis, a área de Participación contará con 50.000 euros para realizar melloras na nave das asociacións.
Finalmente, a Concellería de Educación contará neste 2026 con 70.000 euros para a mellora dos edificios educativos municipais, ademáis de 24.000 euros para a climatización da EIM Gregorio Sanz e 30.000 euros para as alarmas dos CEIPs. Rubén Arroxo afirmou que "o Concello vai gastar 1.062.000 euros nos comedores escolares, a pesar de que este contrato corresponde á Xunta de Galicia. Con ese diñeiro poderiamos facer moitas cousas, pero temos que destinalo aos comedores porque non imos deixar aos nenos e nenas sen comedor porque a Xunta non faga o seu traballo".
O tenente alcalde afirmou que "estes son uns orzamentos moi importantes para a cidade, temos un proxecto de cidade que imos poder executar ao longo deste ano e que, sen dúbida, van a seguir apostando por seguir transformando Lugo e por seguir dinamizando a nosa cidade".
ORZAMENTOS DAS CONCELLERÍAS DO PSOE
Con respecto ás Concellerías do PSOE, o alcalde socialista puxo o acento en que a prioridade segue a ser o ámbito social. A asistencia social primaria acada os 12.504.540,26 euros, reflectindo unha aposta clara por situar ás persoas no centro das políticas públicas.
Paralelamente, refórzase o apoio ao tecido asociativo da cidade. As transferencias correntes destinadas a entidades sociais, culturais, deportivas e veciñais acadan os 6.425.420,89 euros.
Os Orzamentos de 2026 recollen tamén incrementos en áreas estratéxicas para o funcionamento da cidade, como o urbanismo, cun crecemento superior ao 56 %, o patrimonio e os equipamentos municipais, cun incremento que supera o 150 %, os parques e xardíns, con máis dun 43 % de aumento, o deporte, cun crecemento global superior ao 40 %, e a seguridade cidadá, que supera os 9 millóns de euros, permitindo mellorar servizos, modernizar infraestruturas e dar resposta a demandas históricas da veciñanza.
No apartado de investimentos, Miguel Fernández destacou que 2026 será un ano clave para activar proxectos de gran impacto para a cidade. Un dos eixos centrais é o avance efectivo do Novo Norte, o maior proxecto de transformación urbana das próximas décadas. As contas incorporan 2.202.845,87 euros destinados ás expropiacións necesarias para liberar terreos e iniciar actuacións clave, así como 950.000 euros para o Plan de Actuación Integral, unha ferramenta que permite ordenar fases, definir prioridades e avanzar con rigor técnico na transformación da zona norte da cidade. Este plan senta as bases dunha intervención integral que mellorará a mobilidade, a conexión entre barrios, os espazos públicos, o acceso á vivenda e a cohesión territorial.
Outro dos proxectos estratéxicos incluídos no orzamento é a recuperación do Cuartel de San Fernando e a creación do Museo da Romanización, para o que se consignan 3.800.500 euros, o 25 % do investimento total. Esta dotación permite avanzar con determinación nun proxecto clave para a cidade, que combina conservación patrimonial, identidade cultural, atractivo turístico e dinamización económica do centro histórico. Rubén Arroxo, tenente de alcalde, coincidiu co alcalde en destacar a partida do cuartel de San Fernando, porque “porque levamos moitos anos esixíndolle á Xunta de Galicia que cumpra co seu compromiso, que é o de rehabilitar e crear aí o Museo da Romanización, igual que se fixeron os museos nas outras provincias".
No ámbito dos servizos esenciais, o orzamento destina máis de 1,68 millóns de euros ao bloque de abastecemento, saneamento e mellora da ETAP, con actuacións orientadas a modernizar a rede, reducir incidencias e garantir un servizo seguro e eficiente. Inclúense 350.000 euros para a mellora dos sistemas de filtrado da ETAP, co obxectivo de incrementar a calidade da auga.
A achega municipal recolle tamén unha partida para avanzar na recuperación da contorna fluvial de Fermín Rivera, unha intervención cun investimento global superior aos 2 millóns de euros, financiada maioritariamente con fondos doutras administracións.Ademais, os Orzamentos de 2026 inclúen un importante impulso aos parques, zonas verdes e barrios, cun investimento de 1,3 millóns de euros, destinado tanto á creación de novos espazos públicos como á mellora, mantemento e renovación dos existentes, reforzando a seguridade, a accesibilidade e a calidade dos espazos de convivencia en toda a cidade.Dentro desta estratexia, o proxecto orzamentario incorpora tamén as actuacións necesarias para avanzar no desenvolvemento da futura praia fluvial.
No capítulo de investimentos inclúese tamén a achega municipal á reforma das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas, coa consignación de 248.146 euros, correspondentes á parte que lle compete asumir ao Concello. Esta dotación permite avanzar nun proxecto xa legalizado e necesario para mellorar as condicións de benestar animal, garantindo que a administración local cumpra cos seus compromisos. O Goberno local deixa así asegurada a participación municipal na reforma da Protectora, á espera de que outras administracións concreten tamén as achegas comprometidas, para poder culminar unha actuación esencial desde o punto de vista do benestar animal e da responsabilidade pública.
O rural conta tamén cunha dotación específica de 990.000 euros destinada á mellora de pistas, accesos agrícolas e camiños, reforzando a cohesión territorial e garantindo condicións de mobilidade e servizos axeitadas nas parroquias. Este investimento dá continuidade a un traballo sostido nos últimos anos, baseado en actuacións constantes e planificadas que permiten mellorar a vida diaria da veciñanza do rural e facilitar o desenvolvemento da actividade agraria.
En materia de seguridade e emerxencias, os investimentos directos acadan case 560.000 euros, destinados a mellorar medios, equipamento e instalacións tanto da Policía Local como do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento.
Finalmente, o ámbito do deporte recibe 823.000 euros para a mellora e modernización das instalacións deportivas municipais, cunha actuación destacada na pista de atletismo e intervencións noutros equipamentos moi utilizados pola cidadanía.