Presentáronse os vídeos promocionais para visibilizar o papel de Lugo na historia da zanfona

LugoXa
Efrén Castro e Maite Ferreiro destacaron “a contribución desta iniciativa ao recoñecemento e difusión do patrimonio musical que atesoura Lugo”
vídeos-promocionais-zanfona-Tradescola
15 Nov 2024

O Pazo de San Marcos acolleu a presentación dos vídeos promocionais producidos pola Asociación de Gaiteros e Gaiteras Galegas para visibilizar o papel de Lugo na historia da zanfona.

As pezas audiovisuais, elaboradas co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, repasan fitos e iniciativas desenvolvidas en Lugo que foron fundamentais para a recuperación e rexurdimento deste instrumento tradicional, como a creación do Obradoiro de Instrumentos Tradicionais da Deputación de Lugo en 1951, o traballo de investigación desenvolvido arredor da Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño, coa construción de réplicas de instrumentos precursores da zanfona como o organistro ou a posta en funcionamento da Tradescola, con clases de zanfona.

No acto no que interviron Germán Díaz, músico e mestre de zanfona, impulsor da iniciativa, Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola, e Luciano Pérez, director da Colección de Instrumentos do Centrad, e que contou coa participación dunha vintena de alumnas e alumnos de zanfona da Tradescola, de diferentes idades, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro destacaron “a contribución desta iniciativa ao recoñecemento e difusión do patrimonio musical que atesoura Lugo” e lembraron “a importancia que o traballo de recuperación, estudo e dignificación deste instrumento e da música tradicional tiveron na explosíón creativa actual”.

Os vídeos, que se empregarán como material promocional en encontros e eventos musicais nos que participen todas as entidades implicadas na súa produción, pretenden impulsar o recoñecemento deste patrimonio musical, e incide no traballo que a área de Artesanía e Deseño desenvolve para a proxección e estudo deste instrumetno coa organización, desde 2021, dos encontros Celme de Zanfona que reúnen cada ano en Lugo a referentes internacionais na investigación, construción e interpretación deste instrumento de orixe medieval.

Outras actividades arredor da zanfona

A Capela de Santa María de Lugo acolle esta tarde de venres, 15 de novembro, as últimas actividades do 4º Encontro Celme de Zanfona, que este ano puxo o foco nos cegos cantores cun completo programa que comezou o pasado mes de setembro cun ciclo de conferencias e continuou durante o mes de outubro coa exposición Pregos de Cordel.

A xornada desenvólvese arredor do concerto do músico Pancho Álvarez ás 20.00 horas, un dos máis recoñecidos intérpretes de instrumentos de corda e precursores da recuperacións e dignificacion dos cantos de cegos coa publicación do disco 'Florencio, o cego dos Vilares' en 1998.

O músico do Porriño estará acompañado polas violinistas Begoña Riobó, María Jorge, Carlos Quintá e Antía Ameixeiras. O concerto, con entrada de balde, comezará coa proxección do documental 'Florencio, o cego dos Vilares' ás 19.00 horas, producido polo músico.

0.39736008644104