Preséntase a décima edición do Festival Agrocuir da Ulloa en Monterroso

LugoXa
A Deputación de Lugo apoia con 8.000 euros esta proposta cultural que combina diversidade sexual, feminismo e futuro do rural
Presentación-Agrocuir-Monterroso-2025
14 Aug 2025

O Festival Agrocuir da Ulloa celebra a súa décima edición os días 21, 22 e 23 de agosto en diferentes espazos de Monterroso. A Deputación de Lugo colabora nesta iniciativa cultural cunha achega económica de 8.000 euros, que ten como obxectivo visibilizar a diversidade sexual e reflexionar sobre o futuro do medio rural. No acto de presentación, a Deputada Provincial estivo acompañada por membros da asociación organizadora Agrocuir da Ulloa.

“Serán tres días de actividades pensadas para desfrutar, pero tamén para dar visibilidade ao feminismo, aos colectivos historicamente invisibilizados e para poñer enriba da mesa algúns dos grandes retos da sociedade actual: como a defensa dun bosque autóctono ou o despoboamento do rural”, explicou García Porto.

Sobre a colaboración da institución provincial con este festival, Pilar García Porto destacou que “estamos ao carón de iniciativas coma esta, proxectos que poñen no centro os retos que temos por diante. Acadar unha sociedade máis inclusiva, derrubar os teitos de cristal e situar o rural como unha oportunidade pasa por traballar conxuntamente e sumar esforzos entre administracións, colectivos e entidades implicadas. Agrocuir é unha das mellores mostras desta filosofía”.

A Deputada subliñou tamén que o éxito desta proposta cultural “non é casualidade, senón froito do incansable esforzo, dedicación e compromiso das persoas que o fan posible. Un prestixio avalado polo informe do Observatorio da Fundación Contemporánea de 2024, que recolle as iniciativas culturais máis destacadas e os lugares máis importantes do patrimonio de España, recoñecemento que cobra aínda máis valor ao tratarse dun documento baseado nas valoracións de máis de 400 expertos”.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO

⚙ Configurar cookies
0.20570802688599