Présentase a VI edición de Lugo En Marcha Contra o Cancro o mércores

LugoXa
O principal obxectivo deste evento é visibilizar e recadar fondos para mellorar a vida dos pacientes oncolóxicos e das súas familias, e para impulsar a investigación oncolóxica
lugo_en_marcha_polo_cancro_2023
30 Mar 2025

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) presentará a súa VI edición de Lugo En Marcha Contra o Cancro o mércores 2 de abril ás 10.30 horas na súa sede.

Esta actividade lúdico-deportiva, que se celebrará o sábado 12 de abril, terá lugar na Praza da Horta do Seminario e contará cunha ampla participación aberta a toda a cidadanía.

A actividade incluirá dúas modalidades principais: unha Andaina que dará comezo ás 18.00 horas, percorrendo o adarve da Muralla, e que estará aberta a todas as idades. Ademais, tamén se celebrará unha carreira de 5k para adultos, así como unha carreira infantil, que empezará ás 19.00 horas.

O principal obxectivo deste evento é visibilizar e recadar fondos para mellorar a vida dos pacientes oncolóxicos e das súas familias, e para impulsar a investigación oncolóxica. A actividade buscará tamén tinguir de verde as rúas de Lugo, nunha manifestación solidaria coas persoas que loitan contra o cancro.

A Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e diversas empresas colaboradoras, tamén quere aproveitar esta ocasión para concienciar á cidadanía sobre a importancia dun estilo de vida saudable, baseado nunha alimentación adecuada e na actividade física, como factores clave na prevención do cancro.

A cita promete ser unha xornada de unión e apoio á loita contra o cancro, aberta a persoas de todas as idades, e con actividades pensadas para toda a familia.

⚙ Configurar cookies
0.16377711296082