Preséntase en Lugo a adaptación a banda deseñada de 'Memorias dun neno lagrego'
“Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre”. Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica. O vindeiro xoves 14 de marzo, celebrarase, a partir das 19.00 horas, no panóptico do Vello Cárcere, en Lugo, a presentación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, ilustrado por Iria Aldegunde.
Acompañando a ilustradora, estarán Marta Veiga, xornalista; Sabela Núñez Singala, escritora; Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas; e Pedro F. Pedrouzo Devesa. Contará coa interpretación musical do grupo A Quenlla, que musicarán dous poemas de Neira Vilas. A adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas está debuxada pola ilustradora Iria Aldegunde con sentimento e bo pulso narrativo. Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.
Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e A Habana. Da súa extensa e variada obra literaria, cómpre salientar Memorias dun neno labrego (1961), das novelas galegas máis reeditadas e traducidas. Pola súa parte, Iria Aldegunde (Santiago de Compostela, 2000) é unha historietista, que compaxinou os estudos de Filoloxía Inglesa xunto coa súa formación en banda deseñada na escola profesional O Garaxe Hermético. Participou nos libros colectivos Florencio (2022) e Gaspariño XXI (2023).