Preséntase en Lugo o libro 'El alma del tango. Ada Falcón, la diva'

LugoXa
Na presentación intervirán ambos autores e contarase tamén coa participación da cancionista arxentina Jorgelina Mariela Cardarópoli de Luce e do músico Alejandro Szabo co seu bandoneón
cartel-libro-el-alma-del-tango-Lugo
9 Dec 2025

Este mércores, 10 de decembro, celebrarase en Lugo a presentación do libro El alma del tango. Ada Falcón, la diva, obra de Elisa Vázquez de Gey e Eduardo Alberto Zavala. O acto terá lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos de O Vello Cárcere.

Na presentación intervirán ambos autores e contarase tamén coa participación da cancionista arxentina Jorgelina Mariela Cardarópoli de Luce e do músico Alejandro Szabo, que acompañará co seu bandoneón.

O libro afonda na figura de Ada Falcón, unha das grandes divas do tango, e reconstrúe a súa intensa e misteriosa historia persoal marcada polo amor, a traizón e o silencio.

O libro percorre tanto os seus anos de éxito, marcados pola súa voz inconfundible, a súa relación co director Francisco Canaro e a súa presenza destacada no teatro, no cine e nos discos, como o misterio da súa abrupta retirada. Con tan só 37 anos, cando gozaba da máxima fama, Falcón abandonou os escenarios, vendeu as súas pertenzas e desapareceu da vida pública sen explicacións, un xesto que xerou un mito arredor da súa figura.

A través dunha investigación minuciosa, Vázquez de Gey e Zavala seguen as pegadas da artista dende Buenos Aires ata o lugar onde pasou os seus últimos anos, recluída na provincia de Córdoba. O libro combina biografía, contexto histórico e relato íntimo para ofrecer unha historia de amor, traizón, fe e silencio, revelando as luces e sombras dunha muller que elixiu desaparecer no momento máis alto da súa carreira.

⚙ Configurar cookies
0.085294008255005