Preséntase este xoves a banda deseñada 'Sentinelas da lúa carmesí'
A Librería Trama acollerá o próximo xoves a presentación da banda deseñada, editada por Galaxia, Sentinelas da lúa carmesí, dos autores Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande.
O acto, no que participarán os autores, estará presentado por Pepe Coira e Antonio Reigosa.
Desde os albores dos tempos, seres míticos e humanos coexistían en paz e harmonía. Pero un día, os homes comezaron a perseguir o que non comprendían. Tres mouras foron confundidas con bruxas e condenadas á fogueira. Unha delas fuxiu, propagando unha maldición que case acaba coa humanidade enteira. As criaturas mitolóxicas acordaron entón manter a moura encerrada mediante un conxuro ligado á non intervención do humano devir. A lenda di que unha cría humana será quen volverá unir ambos os mundos.