Presente e pasado das augas medicinais

LugoXa
As termas romanas de Lugo son os restos do antigo balneario romano situado á beira do río Miño, preto da antiga ponte romana.
termas romanas lugo7
5 Dec 2021

As termas romanas de Lugo son os restos do antigo balneario romano situado á beira do río Miño, preto da antiga ponte romana. Estas termas romanas foron declaradas Monumento Histórico-Artístico en 1931, e agora forman parte das instalacións do Hotel Balneario de Lugo.

Este é un dos monumentos máis representativos do legado cultural romano e a súa construción comezou ao redor do ano 15 a.C. ao compás dos primeiros pasos da cidade, fundada polo legado de Augusto, Paulo Fabio Maximo.

Os baños públicos formaban parte do modo de vida romano e representaban o poder dos seus gobernantes. Case todos tiñan unha serie de salas comúns con funcións específicas. No Apodyterium, que é o recinto mellor conservado, as persoas desvestíanse e nas paredes abríanse unha serie de nichos para deixar as súas vestimentas, nesta sala cóntanse dezaoito. O Caldarium era a sala do baño quente, o Tepidarium, para baños mornos así como de  transición para o baño frío que era o Frigidarium. Ademáis podía haber outras estancias para baños de vapor, para facer exercici, etc.

Estas instalacións recibían auga dun manancial termal con propiedades minero-medicinais, con augas sulfurado-sódicas e carbonatadas que abrollan a 43,8 °C. Estas augas son explotadas aínda hoxe dentro do propio Balneario de Lugo.

Baixo a escaleira moderna do actual Balneario hai outra sala onde se poden ver uns muros cunha bóveda e uns arcos romanos que pasou a ser reutilizada como capela cristiá entre os séculos XVI e XVIII, e tiña un pequeno altar e unha representación pictórica do Calvario de Xesús.

Noutras partes do Balneario quedan aínda varios restos dos baños termais da época galaico-romana, entre eles, a toma de auga orixinal no interior, e no exterior as canles, muros e outros elementos constructivos.

Así mesmo existen muros romanos para conter as crecidas do río Miño, e suponse da existencia dunha sala, quizais o chamado sudatorium ou laconium representada no plano do balneario do século XIX e feito polo enxeñeiro militar Pedro Giraldo, onde se distinguían as construccións da época romana.

Os arqueólogos F. Hervés e G. Meijide, estiman que as termas romanas ocuparían unha superficie de 2.500 metros cadrados organizados de forma paralela ao río e serían utilizadas entre os séculos I d.C. ata o IV da nosa era.

As excavacións arqueolóxicas realizadas proporcionan valiosa información no tocante a organización das Termas Romanas. Así na excavación da piscina do patio posterior atopáronse 14 aras partidas pola metade, dedicadas ás Ninfas por personaxes de relevancia da época: Marco Ulpio Longiniano, Lucio Valerio Maximo, Marco Hortensio Maximiliano…, con elas demostran o seu agradecemento ás deusas titulares do manantial pola calidade curativa das súas augas.

As Termas estiveron sempre en uso ao longo dos séculos e son outra testemuña máis das grandes obras públicas romanas na cidade de Lugo como son a Muralla, A Ponte, o Acueducto ou a rede de sumidoiros, entre outros.

termas romanas lugo1
termas romanas lugo4
0.22043108940125