Presentouse a Foliada da Fonsagrada, que se celebrará desde o 5 ata o 7 de decembro
O deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, xunto á deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández, presentou a novena edición da Foliada da Fonsagrada, que se celebrará desde o 5 ata o 7 de decembro.
No acto de presentación deste evento, co que colabora a Deputación, tamén participaron os membros da Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, organizadores da cita, Marta Álvarez e Jorge López.
Carlos López convidou a todas as persoas a achegarase ata A Fonsagrada “dende este xoves para desfrutar dunha completa programación de actividades na que se inclúen obradoiros musicais e de baile tradicional, concertos e mesmo unha Feira de Artesanía”.
O alcalde fonsagradino tamén fixo referencia ao éxito da Foliada, pois “é un orgullo para nós ver que este evento, co que poñemos en valor a tradición e a cultura galega, atrae ano tras ano a numerosos veciños chegados de diferentes puntos da provincia e da comunidade asturiana”.
Pola súa parte, a deputada de Cultura felicitou á Asociación Petapouco e a Destempo pola organización dunha nova edición da Foliada. "En tempos de moitos eventos musicais, logrades manter a singularidade e a esencia”, recoñeceu a deputada que valorou especialmente a atención e o interese que a organización pon en “honrar o patrimonio inmaterial”, homenaxeando nesta edición a Herminio Villaverde.
A responsable provincial destacou o dinamismo do colectivo organizador, “que demostra que a mocidade ten ganas de facer cousas e que cre no rural” e que creou unha festa que “mais aló da súa repercusión económica, é un orgullo para a veciñanza da Fonsagrada”.
Maricarme, El Naán Trío, Ana Lua Caiano, Bouba, Candorka Trío, Fillas de Cassandra, Xosé Lois Romero & Aliboria, Mediarea, Llevólu´l Sumiciu son as actuacións musicais máis destacadas da Foliada, que comeza o xoves 5 cun variado programa arredor da musica tradicional e do patrimonio con obradoiros de pandeira e de baile tradicional, cantos de taberna polos bares da Fonsagrada, unha feira de artesanía con demostración de olería de Buño o a presentación do libro Alborada en Vilaquinte, de José Ramón González Pérez.
Programa
Xoves, 5 de decembro
- 11.00 horas: Ruta dos pintores.
- 17.00 horas: obradoiro de Iniciación á pandeira (impartido por Ismael Carcedo) e obradoiro de baile do centru d’asturies: jota, saltón e muiñeira (a cargo de Luis Ángel Fernández).
- 21.30 horas: Butelada.
Venres, 6 de decembro
- 12.00 horas: Cantos de taberna.
- 20.00 horas: obradoiro de baile.
- 21.00 horas: concertos de Maricarme, El Naán Trío, Ana Lua Caiano.
Sábado, 7 de decembro
- 11:00 horas: apertura da Feira de Artesanía.
- 12:00 horas: presentación do libro Alborada en Vilaquinte, de José Ramón González Pérez e actuación do Grupo Bouba.
- 12:30 horas: demostración de olería de Buño.
- 13:30 horas: actuación de Candorka Trío.
- 17:30 horas: concerto de Axeigo.
- 21:00 horas: concertos de Mediarea, Xosé Lois Romero e Aliboria, Fillas de Cassandra e Llevólu´l Sumiciu.