Presentouse a nova Indicación Xeográfica Protexida de viños Terras do Navia

Presentouse a nova Indicación Xeográfica Protexida de viños Terras do Navia, que tivo lugar na localidade de Navia de Suarna.
Indicacion xeografica vino terras do navia 2023
11 Xul 2023

Presentouse a nova Indicación Xeográfica Protexida de viños Terras do Navia, que tivo lugar na localidade de Navia de Suarna. No acto recoñeceuse o labor dos produtores e viticultores da zona, así como da Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia como promotores da iniciativa.

Nesta mesma liña, púxose tamén en valor a clara vinculación dos viños desta IXP co territorio, algo que dá como resultado uns viños con calidade e personalidade propia. Así mesmo destacouse o prestixio e recoñecemento do que goza o sector vitivinícola galego en xeral, dentro e fóra da Comunidade. 

Acadadas as 37 figuras de protección

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, puxo de relevo que con esta nova certificación de calidade acádanse as 37 figuras de protección para produtos galegos recoñecidas a nivel europeo. Ademais, Cabarcos salientou a calidade destes viños elaborados con variedades tradicionais, tanto de tintos coma de brancos. E fixo fincapé na importancia de contar coa figura de protección que dotará estes viños de maior recoñecemento e promoción fóra das nosas fronteiras. 

A xornada de hoxe contou, a maiores, coa mostra de diferentes viños das distintas indicacións xeográficas protexidas de Galicia, que xa suman con esta nova certificación cinco. Así, ademais da de Terras de Navia, trátase das IXP Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño Ourense. Ademais, neste acto celebrouse unha cata dos viños propios das Terras de Navia acompañados dun menú degustación de produtos galegos de calidade diferenciada.

A IXP Terras do Navia

A Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia abrangue o concello de Negueira de Muñiz e diferentes parroquias da Fonsagrada e Navia de Suarna. Actualmente conta cunha superficie de catro hectáreas, que está previsto que vaian en aumento. En total, son tres as adegas adscritas a esta zona, que comercializan o seu viño principalmente na veciña Asturias.

Os viños desta IXP elabóranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que atinxe ás variedades tintas, están permitidas as seguintes: Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto. Canto ás propiedades do produto amparado, distínguese por ser un viño fresco e suave en boca, limpo, brillante, con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. 

0.17675495147705