Presentouse na Fonsagrada o libro sobre a figura do gaiterio Manuel do Juano

LugoXa
Presentouse na Fonsagrada o libro CD Manuel do Juano, unha retrospectiva etnográfica e musical sobre a figura do gaiterio
libro CD Manuel do Juano presentacion Fonsagrada
22 Ago 2021

Presentouse na Fonsagrada o libro CD Manuel do Juano, unha retrospectiva etnográfica e musical sobre a figura do gaiterio Manuel Fernández Díaz, publicada pola Editorial Canela coa colaboración do Servizo de Publicacións da Deputación.

O volume, con textos de músicos e estudosos da tradición como Bieito Romero, Guillermo Fernández,  Pepe Vaamonde, Daniel Carballo Penelas ou Antón Santamarina, entre outros, recolle a biografía, fontes musicais, técnica, estilo e repertorio de Manuel do Juano, un dos derradeiros gaiteiros da considerada vella xeración de músicos da montaña nas terras de Fonsagrada, depositario do importante repertorio e a técnica dun territorio rico en grandes intérpretes que se foron indo rapidamente nos últimos tempos.

Neste senso, descríbense tamén os espazos onde os gaiteiros acostumaban a tocar a súa música, como as festas e xuntanzas ao redor de datas sinaladas, moitas veces vinculadas ás tarefas do campo ou a costumes do territorio, como o magosto ou o entroido. 

O libro vai acompañado dun CD con 26 temas interpretados polos últimos membros do grupo Amigos da Gaita: Manuel do Juano (gaita), Dositeo do Fito (tamboril) e Antón de Paradiñas (bombo), cumprindo co obxectivo de reactivar a comunidade veciñal e valorar o patrimonio local herdado. 

A presentación tivo lugar no marco dunha xornada organizada polo Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, coa música e o baile tradicional como fío condutor.  Pola mañá, celebrouse unha homenaxe ás bailadoras e bailadores do concello con Mercedes Peón. As 20.00 horas, está prevista a proxección do documental “Dorothé na vila”, sobre o traballo de recollida de música tradicional levado a cabo pola musicóloga e compositora suíza Dorothé Schubarth en distintos puntos de Galiza, entre eles, a Fonsagrada.

0.21373009681702