Presentouse o proxecto piloto de reclamacións dixitais do Instituto Galego do Consumo e da Competencia
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na presentación en Lugo do proxecto piloto de reclamacións dixitais que está a poñer en marcha o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
Arias explicou que favorece o exercicio dos dereitos dos consumidores e usuarios porque simplifica e axiliza o trámite, ao tempo que ofrece ás empresas unha ferramenta áxil de comunicación coa súa clientela.
Os establecementos comerciais que decidan sumarse á iniciativa contarán cun código QR que remite a un formulario virtual, evitando ter que solicitar e entregar expresamente as follas de reclamación no comercio.
O delegado sinalou que o modelo estase a estender por comercios de toda Galicia, e o obxectivo para o vindeiro ano é chegar ao sector servizos (subministración eléctrica e telefonía), que son os máis numerosos en materia de reclamacións da cidadanía.
O procedemento é sinxelo. Ao escanear o código QR ábrese un formulario que recolle os datos persoais e os motivos da reclamación. Á vez que se envía por correo electrónico ao establecemento, o afectado recibe a confirmación dando conta do día e da hora da presentación e indicando que se abre un prazo dun mes para que a empresa remita contestación.
Transcorrido o prazo dun mes sen obter resposta ou de ser esta insatisfactoria, a persoa consumidora poderá dirixirse directamente ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e presentar unha nova reclamación a través dun enlace que xa se inclúe no propio correo e que recupera os datos xa cubertos con anterioridade.
Arias lembrou que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia conta cunha oficina na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, e tamén atende a través do teléfono gratuíto 900 231 123, que funciona de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas de luns a venres, para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.