Preto de 10.000 menores de 21 anos lucenses viaxan gratis coa tarxeta Xente Nova
Preto de 10.000 mozos e mozas lucenses menores de 21 anos xa poden viaxar de balde en calquera das máis de 3.500 liñas de autobús da Xunta por toda Galicia grazas á tarxeta Xente Nova.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a estación de autobuses de Lugo e fixo balance desta e doutras medidas de fomento do transporte público autonómico que están a dar como resultado un incremento considerable da demanda.
Así, sinalou que o emprego do transporte público de titularidade autonómica na provincia rexistrou un incremento dun 13% no primeiro semestre do ano. A incorporación de novos usuarios, a ampla oferta de servizos, infraestruturas renovadas e importantes incentivos económicos traducíronse en 157.813 billetes expedidos máis que no mesmo período do 2022.
O delegado destacou como especialmente relevante o incremento da demanda na área de transporte metropolitano de Lugo, que comprende o concello da capital e os de Castro de Rei, Guntín, Outeiro de Rei, O Corgo, Friol, Castroverde e Rábade. Neste caso, o aumento cífrase no 26%, sumando 104.384 viaxes máis.
A área de transporte de Lugo é tamén a que rexistra case a metade das tarxetas Xente Nova concedidas. En concreto, 4.464 mozos e mozas dispoñen deste dispositivo, atendendo á seguinte distribución: 3.623 en Lugo; 185 en Outeiro de Rei; 147 en Friol; 144 en Castro de Rei; 111 no Corgo; 109 en Castroverde; 78 en Guntín; e 67 en Rábade.
Este incremento no número de usuarios do autobús de competencia autonómica é acorde coa demanda rexistrada no conxunto da comunidade, onde medrou nun 17% no mesmo período.
Os resultados son froito, segundo apuntou Javier Arias, da aposta decidida do Goberno galego polo transporte público, ao que destina case 100 M€ cada ano, é dicir, 300.000 € cada día.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou preto de 3.500 liñas de transporte interurbano, levando o autobús onde antes non chegaba e implantando novas modalidades, como o transporte compartido e baixo demanda.
Tamén mantén activos incentivos como os descontos que ofrece o uso da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) ou as bonificacións do 50% nas tarifas que estarán en vigor ata finais de ano. Ademais, 150.000 mozos e mozas de ata 21 anos viaxan gratis, cunha media mensual de aforro neste ano 2023 de case medio millón de euros.
Nova campaña de promoción
A Xunta puxo en marcha unha nova campaña de fomento do transporte público que, baixo o lema Móvome, busca consolidar un modelo de mobilidade máis sostible, accesible e económico para o conxunto da cidadanía.
Nesa liña, Javier Arias indicou que “ademais das vantaxes para os usuarios, como alternativa cómoda e barata ao vehículo particular, ten evidentes beneficios sociais, xa que axuda a desconxestionar o tráfico das cidades e evita emisións contaminantes á atmosfera”.