Preto de 100 docentes reúnense en Lugo no cuarto Encontro Educativo Galego
O VI Encontro Educativo Galego reúne en Lugo a preto de cen docentes para reflexionar sobre o futuro do ensino. A cita, celebrada no Hotel Torre de Núñez en Lugo, congregou a profesionais para analizar os retos e as oportunidades do sistema educativo actual. A xornada contou con 13 poñentes, 6 obradoiros e 2 conferencias, creando un espazo de reflexión e intercambio de ideas sobre metodoloxías innovadoras e a adaptación do ensino ás necesidades da sociedade contemporánea.
Pablo Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social, participou no evento destacando o compromiso da Deputación de Lugo co ensino público. “Debemos seguir avanzando cara un futuro onde a educación sexa inclusiva, innovadora e adaptada ás necesidades reais da nosa sociedade”, afirmou Rivera Capón, subliñando que só a través da adaptación aos tempos presentes poderemos garantir que as futuras xeracións dispoñan das ferramentas necesarias para afrontar os desafíos do século XXI.
Este encontro, deseñado por e para docentes, chega en Lugo á súa cuarta edición con máis do dobre de participantes que hai catro anos, o que reflicte o crecemento do interese entre o profesorado por temas como a disciplina positiva, as metodoloxías activas e a importancia do xogo no ensino. A xornada foi un éxito, reafirmando a importancia de espazos de formación continua para a mellora da educación en Galicia.