Preto de 4.000 persoas visitaron Avifauna

LugoXa | TerraChaXa
O presidente da Deputación asinou con esta entidade un convenio de colaboración mediante o cal ANPAS, centros escolares ou asociacións sen ánimo de lucro poden coñecer gratis a riqueza faunística de Galicia
Sinatura-do-convenio-Avifauna
7 Jul 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación centro de interpretación Avifauna, Antonio Ibáñez Burgo, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica de 40.000 euros. A través desta colaboración a Deputación contribúe ao funcionamento deste zoo ornitolóxico, situado no concello de Outeiro de Rei, e que alberga cerca de medio millar de aves de 250 especies diferentes.

Concretamente, a institución provincial fai posible a execución dun programa educativo, que inclúe visitas guiadas gratuítas por este centro de interpretación, e no que participaron preto de 4.000 persoas no ano 2023. A principal finalidade desta iniciativa é sensibilizar a poboación sobre a conservación do medio ambiente, o coñecemento das aves, as súas principais ameazas e as medidas de conservación existentes.

Así mesmo, este proxecto, que se dirixe a ANPAS, centros escolares da provincia e asociacións sen ánimo de lucro relacionadas co ámbito da cultura, a natureza, a educación, a discapacidade e a integración, contribúe ao coñecemento da riqueza da fauna que habita en Galicia e a unha mellor conservación do patrimonio natural da comunidade.

O Parque Zoolóxico Ornitolóxico, Avifauna, alberga ao redor de 400 aves de 250 especies diferentes, algunhas das cales atópanse en perigo de extinción ou en programas de conservación. Neste espazo realízanse visitas guiadas, que se adaptan en función da idade dos participantes e do grupo en cuestión, e a súa duración oscila entre 90 e 120 minutos.

Dende o ano 2017 o parque Zoolóxico conta cunha sala de exposicións na que se inclúe un percorrido polos diferentes ecosistemas aviarios de Galicia, as diversas eras da terra ligadas a evolución das aves, e outros temas de interese para o público como tipos de picos, entre outras cuestións.

0.16811895370483