Preto de 50 expositoresa da comarca protagonizaron a Feira de Artesanía e Gastronomía de Castroverde

LugoXa
Durante toda a xornada, que como cada ano rexistrou numeroso público, celebráronse múltiples actividades, así como degustacións de pratos típicos
Feira-de-Artesanía-e-Gastronomía-de-Castroverde
19 Ago 2024

A deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, xunto ao alcalde de Castroverde e Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, asistiron á décimo sétima edición da Feira de Artesanía e Gastronomía deste municipio. A institución provincial realiza unha achega económica de case 30.000 euros para colaborar con diversas actuacións, entre as que se enmarca este evento.

Durante toda a xornada, que como cada ano rexistrou numeroso público, celebráronse múltiples actividades, así como degustacións de pratos típicos locais. A Feira, na que tamén se incluíu unha concentración de motos e vehículos clásicos, deu comezo ás 10:00 horas e durante toda a xornada os veciños e visitantes puideron desfrutar de demostracións de oficios tradicionais e obradoiros artesanais.

Ademais, tamén tivo lugar unha actuación de música e baile tradicional a cargo da Asociación Cultural Falcatrueiros e unha representación teatral da compañía Teatro ó Cubo. A programación tamén incorporou un espectáculo circense de Sempre Arriba e unha actuación de maxia para rematar a xornada da man dos artistas Ian e Elisa.

Tamén se achegaron a deputada galega do BNG  Montse Valcárcel, así como pola deputada provincial de Cultura do BNG Iria Castro. Valcárcel mostrou a súa ledicia por poder apoiar esta feira que pon en valor as tradicións desta zona de Lugo. “Castroverde ten un potencial inmenso e débese impulsar para que sexa un referente desta comarca ”.  Destacou a importancia dos oficios tradicionais que deben “contar con políticas de impulso e apoio para ser un motor de desenvolvemento económico das zonas nas que se desenvolven”.

Con respecto disto, Valcárcel reclamou “que haxa axudas para que todas as persoas que queiran seguir coas nosas tradicións poidan facelo, cursos e promoción para que estas sabedorías non se perdan”. Para finalizar, a deputada nacionalista quixo agradecer o traballo que fan os artesáns porque “son os que lle dan sentido a esta feira, un lugar que amosa todo o potencial que temos neste país”.

0.08530592918396