Preto de 60 nenos e nenas de Friol están en idade de acceder á nova Escola Infantil

Un total de 59 nenos e nenas son os que están rexistrados en Friol en idade de poder optar a unha praza na nova escola infantil que desde o Concello se está promovendo. Por este elevado número de poboación máis pequena é que dende o Equipo de Goberno se decidiu que había que crear unha Escola Infantil, que o Concello xa está tramitando a execución do proxecto á maior brevidade posible, debido a este aumento de nacementos nos últimos anos.
As familias interesadas en que os seus fillos e fillas accedan a unha praza na Escola Infantil no vindeiro curso teñen todo o mes de abril para facer a prescrición, tendo preferencia, como en cursos anteriores, os nenos e nenas que xa están matriculados no presente curso.
O número de nacementos contabilizados no que vai de este ano e ata a data neste municipio do centro da nosa comunidade é de nove, quedando moitos meses por diante para seguir aumentando a poboación seguindo a liña ascendente dos últimos anos.
O aumento de servizos e a mellora da calidade de vida no municipio fan que os datos demográficos continúen mellorando con respecto a anos anteriores.
Outro indicativo do aumento de xente máis nova que está a vivir o Concello de Friol é a subida considerable do alumnado matriculado no CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, que sufriu un incremento considerable nas matrículas, e tamén o alumnado que está en idade de comezar neste centro no vindeiro curso 25-26, que serán máis de 20.
O padrón municipal de Friol indica que hai rexistrados 212 nenos e nenas nos últimos dez anos, o que fai unha media de 21,2 nenas e nenos por cada curso, un dato moi positivo tendo en conta a tendencia á baixa da maioría dos concellos rurais do país.
O alcalde de Friol, Jose Á. Santos, indicou que “estes datos son un claro indicativo de que os nosos veciños e veciñas deciden formar aquí as súas familias ou que cada vez máis persoas se veñen coas súas familias ao noso pobo para desfrutar da calidade de vida da que gozamos en Friol, isto fai que desde Equipo de Goberno sigamos aplicando medidas que continúen fomentando o asentamento de poboación, unhas medidas que queda patente que están xurdindo efecto e logran os obxectivos marcados, así pois, desexamos que estas cifras de crecemento se manteñan nos próximos anos”.