Primeiras confirmacións do Caudal Fest 2024
Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, Ginebras e Nil Moliner primeiros cabezas de cartel confirmados para a última gran festa do verán, que volverá á contorna fluvial do río Miño os días 20 e 21 de setembro con grandes referentes da música nacional.
Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, Ginebras e Nil Moliner son os primeiros cabezas de cartel que actuarán no Caudal Fest 2024, os días 20 e 21 de setembro. Así o avanzou este xoves a rexedora lucense, Lara Méndez, quen fixo o anuncio tan só unhas semanas despois da celebración da quinta edición do evento, a máis concorrida e exitosa ata a data, con máis de 37.000 asistentes e un retorno económico para o municipio superior aos 7,3 millóns de euros, consolidándose como un dos festivais de música máis importantes de todo o norte peninsular.
Neste senso, a alcaldesa subliñou que “estamos moi satisfeitos de poder anunciar o primeiro avance do cartel do próximo Caudal Fest, unha cita moi importante para Lugo tal e como se acaba de comprobar ao calcular o retorno económico e a dinamización que xera en todo o municipio, que supera os 7 millóns de euros nunha fin de semana”.
“Nin que dicir ten que para esta sexta edición temos igualmente moi boas expectativas pero quero poñer en valor o apoio municipal co que mimamos a organización desta cita, que xa se considera unha das máis destacadas do verán e que tanto leva contribuído á consolidación da nosa cidade como referente nos circuítos musicais de todo o país, non só de Galicia”, apuntou.
Méndez explicou que “sabedores desta proxección, levamos dende o 2018 apostando dende a Alcaldía do Concello de Lugo polo Caudal e acompañándoo non só co patrocinio, senón tamén cun esforzo moito maior que implica un despregamento de medios moi importante que vai dende a cesión dos terreos, á habilitación de servizos específicos, como pode ser o do bus gratuíto, pero tamén os dispositivos de seguridade e protección que tanto inflúen na calidade do evento e na comodidade de quen asiste a el”.
“Por iso, dende hoxe, que xa coñecemos aos primeiros artistas e grupos que poderemos ver e escoitar os próximos 20 e 21 de setembro, o Concello continuará a traballar para que esta sexta edición sexa tan boa ou mellor incluso que a anterior e emprazamos a todo o mundo a que veña a visitarnos e a gozar dun novo Caudal Fest”, concluíu.
Avance do cartel de 2024
En 2024 Caudal Fest traerá algunhas das xiras máis importantes do ano no noso país a Lugo. Os primeiros nomes foron revelados hoxe:
Mikel Izal, quen tras liderar IZAL, unha das bandas máis importantes do século XXI en castelán en todo o mundo, realizará unha parada desta xira de presentación do seu primeiro álbum en solitario en Caudal Fest. Tras completar os concertos de presentación en pavillóns esgotando entradas nos mesmos, Caudal Fest 2023 será o único festival de Galicia no que actuará en 2024 e un dos poucos festivais que contará co vitoriano en todo o país. O seu tema “El paraíso” foi o rei indiscutible deste verán na radio e nas redes sociais.
Viva Suecia, unha das bandas imprescindibles de rock en castelán na última década, tamén serán un dos pratos fortes de Caudal Fest 2024. Con éxitos como El bien ou No hemos aprendido nada deixarán afónicos ás decenas de miles de fans da banda que se xuntarán na súa cita con Lugo.
Se hai unha banda da que todo o mundo fala, esa é Arde Bogotá. Os murcianos son a banda do momento en todo o país e esgotaron todas as entradas da súa xira de presentación do seu último disco Cowboys de la A3. Caudal Fest será unha das poucas citas onde se lles poderá ver en Galicia en 2024.
Ginebras, son unha das bandas máis xenuínas da escena independente do noso país. Con La típica canción- ou Desastre de persona, levan varios veráns sendo unha das bandas máis demandadas polo público de festivais. Sen dúbida serán unha das grandes atraccións de Caudal Fest 2024.
O barcelonés Nil Moliner, un dos artistas que máis discos vende no noso país a día de hoxe, é outro dos confirmados en Caudal Fest 2024. O catalán estará a presentar Lugar Paraíso, o seu esperado novo disco. Carlos Sadness, artista que leva máis de dez anos cultivando éxitos a nivel internacional estará por primeira vez en Caudal Fest.
Varry Brava será outro dos grandes grupos de Caudal Fest 2024. Éxitos como No Gires ou Raffaella incorporaranse á banda sonora da última gran festa do verán. Ladilla Rusa incorpóranse tamén ao cartel. O seu espectáculo cheo de hits e de humor animarán os bailes e a gran festa que será a sexta edición do festival lucense.
Os castelán leoneses Siloé están chamados a ser unha das bandas de 2024 en todo o país e non podían faltar a esta cita con Lugo. Para terminar, este primeiro anuncio complétano artistas como Huecco, Karavan, Tu Otra Bonita, Ramón Mirabet, Xina Mora, e os galegos Monoulious DOP.
Os abonos para Caudal Fest 2024 sairán á venda este próximo luns 23 ás 13:00 horas na súa web.