Primeiro varado da tempada no X Aberto do Ferro da Pontenova
A liga de Billarda da conferencia NorLeste seguiu esta fin de semana co X Aberto do Ferro da Pontenova correspondente a segunda xornada da Liga Nacional.
Desta volta ata un total de 86 palanadores xuntaronse en busca das afamadas navallas de José Rodil. Non faltaron a cita algúns compañeiros da conferencia NorOeste dos equipos de Campo da Feira de Paiosaco e Filloas de Sangue da Coruña.
Feito o sorteo e antes de que as billardas comenzasen a voar, rendiuse un momento de silencio en rocordo do compañeiro recentemente falecido, Suso Coedo, do equipo Billardeiros Musicais de Ribadeo.
Nun escenario perfectamente axeitado polos anfitrións Troitas Bravas, acadaron altas puntuacións nos postos do podio, os Carabullos, Manu Caldeiro e Isma lograron 24 puntos para eles e disputaron o 1° posto nun desempate no que a xuventude do Mini Chousa impuxose a veteranía do de Outeiro. O terceiro posto foi para Basilio dos Billardeiros Musicais con 23 puntos.
Na categoría de donas, trocou o conto, pois a seriedade e firmeza de Carme das Troitas Bravas puido ca impulsiva xuventude de Aroa dos Billardeiros Musicais, e ámbalas dúas acadaron 16 puntos, terceira e sempre rondando os primeiros postos tamén, foi Paula de Chainzos-Cadaval.
Aroa repetiu o podio en categoría infantil xa que desta volta ocupou o primeiro posto seguida de Mateu e de Diego, os dous de Madia Leva.
En canto a equipos, os Carabullo de Ponte de Outeiro chegaron dispostos a confirmar que merecidamente son posuidores do título de Campións da derradeira e incompleta tempada xogada e foron donos do encontro gañando cunha diferencia de once puntos sobre Troitas Bravas e de catorce sobre Billardeiros Musicais, segundo e terceiro respectivamente.
Non é doado facer un tiro directo e que traspase o varal, sen embargo no campo das Minas unha billarda impulsada polo poderoso brazo de Sachas acadou tal fazaña, cruzou como un lóstrego o varal para anotar o primeiro varado da tempada.
A asociación Ecos das Minas da Pontenova puxo o toque musical ao torneo para que a xornada fora completa e para rematar houbo agasallo para todos os cativos participantes, a mais dos correspondentes para os campións, xogos de billarda e chaveiros.