Primeiros pasos da IXP Terras do Navia
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar, na súa edición do martes, a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia, que amparará os viños producidos na conca do río Navia. A publicación do plego de condicións que rexerá a calidade dos caldos da zona supón o primeiro paso de cara á súa inscripción no rexistro europeo.
A zona delimitida por este novo selo de calidade sitúase no nordeste da provincia de Lugo e abrangue todo o concello de Negueira de Muñiz, así como varias parroquias dos municipios veciños da Fonsagrada e Navia de Suarna.
A Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia foi quen iniciou os trámites para a inscripción desta indicación xeográfica. Esta agrupación representa ao incipiente sector vitivinícola da zona e ten interese en distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade.
O plego de condicións desta IXP será aplicable tanto a viños brancos como tintos, elaborados exclusivamente con uvas autóctonas das variedades "branca albariño, branco lexítimo, godello e loureira" e, no caso dos tintos, coas variantes "albariño tinto, mencía, merenzao, brancellao e caíño tinto".
Os promotores da iniciativa cren que a consecución deste selo de calidade "facilitará a comercialización das producións da zona e servirá para potenciar outras actividades económicas", sobre todo, aquelas destinadas a potenciar os servizos turísticos e outras producións agroalimentarias.