Procesos II leva a Lugo o traballo creativo de seis artistas emerxentes

O vindeiro sábado 13 de setembro ás 12:00 horas inaugúrase na galería de arte Solaina de Lugo a exposición Procesos II, unha mostra colectiva das artistas Alba Pino, Isis Huerga, Laura Karnero, Lara Brañas, Mónica Lago e Paloma Musso.
Procesos II busca achegar ao público os Traballos de Fin de Grao de seis compañeiras da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, dando visibilidade non só ao resultado final, senón tamén aos bocetos, ás ideas iniciais e ao proceso creativo que levou á súa realización.
Durante a creación das pezas, as artistas traballaron nos talleres da Facultade, espazos que actúan como primeiros estudos para desenvolver unha práctica artística propia.
A mostra pretende poñer en valor os procesos formativos e creativos de artistas emerxentes, reflexionando sobre as distintas fases da creación artística e a construción dun proxecto, recoñecendo o ensaio, a proba, o erro e a experimentación como elementos fundamentais do camiño creativo.
Ademais, destaca a relevancia dos espazos compartidos, onde, a pesar da diversidade de intereses, se fomentan dinámicas de convivencia e intercambio que enriquecen o traballo colectivo.
Comisariada polo colectivo Refugallo, a exposición permanecerá aberta ata o 18 de outubro.