“Procuro ser unha persoa próxima e humilde, escoitando e comprendendo cada necesidade”

Con 10 de traxectoria na Alcaldía de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández pon en valor os proxectos desenvolvidos en favor da veciñanza e cunha aposta clara polos servizos sociais
Alcalde-Ribeira-de-Piquin-Roberto-Fdez
31 Dec 2025

Jessica Fernández

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Ideoloxicamente son de esquerdas. Sempre defendín o público e penso que encaixa coa miña forma de ser. O proxecto que defendemos a nivel municipal é progresista, que aposta polo público e polo carácter social das políticas. No partido atopamos un encaixe perfecto entre as siglas e a nosa maneira de entender a sociedade, algo que manteño dende a primeira convocatoria electoral na que nos presentamos.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

Eu son alcalde dende o ano 2015. Presenteime por primeira vez no 2011 como candidato do PSdeG á Alcaldía de Ribeira de Piquín, pero daquela non conseguimos chegar ao goberno. No 2015 volvemos presentarnos co mesmo equipo, algo máis ampliado, e conseguimos gañar as eleccións e gobernar. Dende entón, seguimos no goberno, incorporando máis xente coa mesma iniciativa e coa mesma ilusión.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Estiven dez anos traballando no sector privado antes de ser alcalde de Ribeira de Piquín, pero tiña unha vocación paralela, polo que fixen un parón na miña profesión para dedicarme ao municipio. Creo que os de Ribeira de Piquín temos algo especial, algo que tamén pode compartir a xente doutros concellos, pero que en nós é moi forte: ese arraigamento, esa morriña. Por iso, isto é algo que me gusta de verdade, e creo que tamén é necesario loitar polo empoderamento da administración local e por darlle o valor que realmente ten facer de guía dun futuro necesario no rural.

E beneficios?

A política é moi vocacional. Debemos ter a capacidade de trasladar esa utilidade ao posto que ocupamos e nós transmitímolo dende o primeiro día, coa capacidade de analizar a realidade, sen facer promesas utópicas que non poidamos cumprir, pero con moita sensatez, con proximidade e transparencia, sendo capaces de analizar a realidade que temos, de formular propostas viables e executables, e de tratar de mellorar o que nos rodea. Moitos dos traballos que se realizaron melloraron a calidade de vida das veciñas e veciños, e compartimos con eles proxectos de maior percorrido nos que estamos inmersos e que requiren tempo para poder ver os seus resultados.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Iríame da política contento e orgulloso se fósemos capaces de reverter a situación de despoboamento que sufrimos e se conseguimos promover alternativas de emprego que permitan que a xente poida vivir en Ribeira de Piquín con estabilidade laboral e poida planificar un proxecto de vida neste lugar. Queremos ofrecer todos os servizos que nos corresponden como administración local, de forma pública e con boa calidade. Así, atender, a través dos servizos sociais, unha porcentaxe elevadísima da poboación, os nosos maiores, porque é unha xeración que merece todo o noso respecto e dedicación. E, en canto ao futuro, o obxectivo é ser capaces de xestionar alternativas que poidan xerar emprego, algo que tamén facemos a través da Fundación TerrEO.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Se renovo a Alcaldía sacaremos adiante un proxecto que, polo menos, cree 20 postos de traballo na Ribeira de Piquín.

Cales son as principais liñas do seu programa?

A liña principal do programa será promover contar con servizos públicos de calidade e cubertos ao 100 % e cun pleno emprego na Ribeira para que a cidadanía poida desenvolver o seu proxecto de vida aquí.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

En Ribeira de Piquín centramos boa parte do esforzo nos servizos sociais, porque máis do 50 % da poboación ten máis de 65 anos, pero estamos infradotados economicamente. Prestamos o servizo de dependencia con fondos propios, e ten un custo moi elevado. Iso obríganos a reducir fondos noutros ámbitos, porque as administracións competentes, fundamentalmente a autonómica, non transfiren os recursos que lles corresponden. Esta falta de apoio tamén se nota noutros servizos, como o sanitario: o noso centro de saúde sofre a ausencia diaria de médicos e funciona con coberturas temporais e parciais. Todo isto fai que sexa difícil atraer ou reter poboación e impulsar proxectos de vida no rural. Por iso, é imprescindible que as administracións colaboren e financien con xustiza os servizos básicos que garantan a igualdade e a calidade de vida en concellos coma o noso.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

En materia de servizos, demos un paso moi importante a pesar de ser un municipio moi disperso, con máis de corenta entidades de poboación. Nesta lexislatura queremos rematar o abastecemento de auga na maioría dos núcleos; renovamos a totalidade do alumeado municipal e, no relativo ás vías, realizamos un traballo moi importante en máis de seiscentos km de vías municipais. Tamén tramitamos ferramentas de traballo que nos facilitan moito a xestión, como o Plan Básico ou o inventario municipal de camiños. Contamos cun equipo de traballo moi cohesionado e forte. Creamos tamén a Fundación Municipal TerrEO, un proxecto que se constrúe de maneira conxunta e que conta co apoio da veciñanza. Síntome moi orgulloso do camiño que estamos a seguir.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Creo que a maioría das veciñas e veciños teñen o meu número de teléfono, e iso xa reflicte a proximidade coa que intento actuar. Sempre procurei ser unha persoa próxima e humilde, escoitar e comprender cada necesidade, aplicando o sentido común, pero tamén con claridade e transparencia ante calquera situación. Os problemas son moitos, e esa é precisamente a nosa misión: afrontalos con responsabilidade e compromiso. Defendo unha política próxima, humilde e con capacidade para anticiparse aos problemas, non só para resolvelos cando aparecen.

Como é a súa relación coa oposición?

A oposición, cando é dinámica, resulta útil, pero en Ribeira de Piquín non é así e é algo que lamento. Poderían ter unha relación moito máis próxima co noso proxecto, pero neste mandato non temos ningunha achega positiva por parte da oposición máis alá da crítica, e cando a crítica é fundada pode ser enriquecedora, pero non é o caso. Eu o que lles pido é responsabilidade e implicación.

MÁIS DE PRETO

  • Idade, estado civil e familiar: 41, casado con dúas fillas
  • Profesión e formación: Son técnico en electricidade e estiven 10 anos no sector eléctrico
  • E se non o fora, que lle gustaría ser? Desenvolver algún proxecto agropecuario, porque na miña casa sempre se fixo
  • Que quería ser de maior? Sempre me gustaron moito os traballos relacionados coa vertente social
  • Que fai para desconectar? Procuro dedicarllo á familia e a compartir afeccións como a natación
  • Unha virtude e un defecto: Proximidade e a humildade; e demasiado persistente, tozudo
  • Un consello para compartir: Que non se esqueza de defender o público en todos os ámbitos porque é imprescindible, deben ser universais e de calidade
  • Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante: ‘¿Por qué sangró la montaña?’, de Nicanor Rozada; Sirat, de Oliver Laxe; e Beiralúa, de Sondeseu
  • Unha afección: A natación
  • Un lugar que visitar: Ribeira de Piquín nunha zona de río
  • Unha comida e unha bebida: Troitas e unha sidra de mazás da Ribeira
  • Unha personaxe admirada (viva ou morta): Os avós de calquera casa rural galega
  • Unha posesión preciada: A maior posesión non é física; é familiar.
  • Un desexo: Para dentro de 20 anos que os proxectos que promovemos terminen coa realidade que pensamos
  • Algo para esquecer: Non teño moito para esquecer
  • Que é o que máis valora nunha persoa? A lealdade
  • Un desafío pendente: Sacar adiante un proxecto que marcará un antes e un despois en Ribeira de Piquín
  • Onde se ve en cinco anos? Onde estou hoxe, pero con máis proxectos avanzados.
⚙ Configurar cookies
0.081727981567383