Prodúcese un corte no servizo da Rede Municipal de Subministración de Auga de Lugo

O Concello de Lugo informa dun corte no servizo da Rede Municipal de Subministración de Auga debido a unha rotura dunha tubaxe provocada por causas alleas á administración local.
A incidencia produciuse como consecuencia das obras que está a executar a UTE contratada por Xestur no Polígono das Gándaras, polo que desde esta mañá de 30 de abril quedou interrompido o subministro de auga en varias zonas da cidade, concretamente na parte superior do barrio das Gándaras, na Residencia de Maiores das Gándaras, no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Cima de Vila, na Campiña, na Fervedoira e en Muxa.
A Brigada de Augas está a traballar na reparación da avaría, e a previsión é que quede solucionado á primeira hora da tarde.
A administración local lamenta as molestias ocasionadas e lembra que a situación non é responsabilidade dos servizos municipais. O obxectivo é restablecer o subministro no menor tempo posible para minimizar o impacto na veciñanza.