Profesorado do IES Lucus Augusti concentrause para reclamar a finalización das obras

O profesorado do IES Lucus Augusti convocou unha concentración para reclamar á Xunta de Galicia que remate as obras no centro e permita o uso normal de todos os espazos, algúns deles aínda inhabilitados tras os traballos previstos para o verán. A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, asistiu á mobilización, acompañada polo concelleiro Alexandre Penas, e destacou que a situación impide que a actividade educativa se desenvolva de forma habitual.
Durante a concentración, Buide tamén apoiou a reclamación das familias afectadas polo recorte no transporte escolar do IES Sanxillao e esixiu á Xunta unha solución rápida a unha problemática que afecta a moitas familias da cidade. A concelleira criticou a actuación da Xunta, sinalando que “un ano máis, co inicio de curso, chegan os recortes en servizos, sen avisar, impedindo que as familias poidan organizarse”.
A edil lembrou que, mentres o Concello de Lugo continúa mellorando os servizos educativos municipais, este ano prestando o servizo de madrugadores en todos os centros para facilitar a conciliación familiar, a Xunta segue a recortar e a complicar a xestión dos servizos. Buide subliñou que “o Concello de Lugo cubre servizos para que as familias lucenses poidan conciliar mentres que o Partido Popular cada ano merma a calidade dos poucos servizos que presta directamente”.
Finalmente, a concelleira destacou que as veciñas e veciños teñen dereito a un ensino non universitario gratuíto e que é responsabilidade da Xunta facilitar os servizos de transporte escolar aos que o precisen.