Promocionan o cabalo de Pura Raza Galega cunha degustación de balde en Lugo

LugoXa
Durante as xornadas as persoas que se acheguen poderán probar a carne en hamburguesa e nun canelón recheo de estofado de poldro
presentación_da_degustación_de_puraga
6 Xuño 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través do acordo asinado coa área de Rural, colabora con Puraga para a promoción do cabalo de Pura Raza Galega na Praza de abastos de Lugo. A cita, que conta coa colaboración da área de Participación do concello de Lugo, terá lugar o venres 7 e sábado 8 de xuño a partir das 12.30 horas e permitirá degustar de balde esta raza autóctona en distintas elaboracións ás persoas que se acheguen.

O deputado de Rural Daniel García destacou esta actividade que permitirá dar a coñecer o produto entre as consumidoras e os consumidores. “Dende a área de Rural queremos dar a coñecer os produtos autóctonos e que a veciñanza, cando se achegue ao mercado os vexa como unha opción na súa dieta”, destacou Daniel García. Durante as xornadas as persoas que se acheguen poderán probar a carne en hamburguesa e nun canelón recheo de estofado de poldro.

Ambos pratos serán elaborados polo cociñeiro Antonio Díaz do restaurante Andarubel, especialista en raza autóctonas. Esta actividade desenvólvese baixo o paraugas do acordo levado a cabo entre a área de Rural da institución provincial e Puraga con degustacións gratuítas de cabalo de pura raza galega, a posta en valor as cualidades nutricionais e culinarias da súa carne e dar visibilidade ao traballo das criadoras e criadores locais da comarca de Lugo.

No mesmo acordo, coincidindo co Arde Lucus, o ClanBreogán contará no seu campamento (parque Rosalía de Castro) cunha degustación de espeto de poldro, recreando a comida dos castrexos. Dende Puraga valoran moi positivamente estas actividades e celebran que cada vez máis lucenses se animen a consumir esta carne “esta mesma semana celebramos que xa se pode atopar este produto na praza de Abastos de Lugo, grazas a un novo punto de venda”.

 

 

 

0.16213417053223