Promoven cursos gratuítos para fomentar a empregabilidade xuvenil en albanelaría e carnicería

O Concello de Lugo, a través da área de Xuventude e dentro do programa +XTi 2026, reforza a súa aposta pola empregabilidade xuvenil coa posta en marcha de dous cursos formativos gratuítos orientados a sectores con alta demanda profesional: Prevención de Riscos Laborais en Albanelaría e Carnicería e Charcutería.
O Curso de Prevención de Riscos Laborais en Albanelaría é unha formación teórica homologada que capacita para traballar en empresas de construción no posto de albanel, requisito habitual no sector. Organízase en dous grupos de 12 prazas cada un: o primeiro celebrarase os días 6, 7, 13, 14 e 21 de marzo, e o segundo os días 10, 11, 17, 18 e 24 de abril. As sesións impartiranse os venres de 15:00 a 20:00 horas e os sábados de 09:00 a 14:00 horas nas instalacións de APEC Lugo, na Praza do Campo 2-3.
O Curso de Carnicería e Charcutería terá unha duración de 60 horas teórico-prácticas e desenvolverase durante os meses de marzo e abril, de luns a venres en horario de tarde. Contará con 10 prazas e está dirixido preferentemente a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, co obxectivo de ofrecer formación técnica específica nun sector cunha demanda laboral estable e boas oportunidades de inserción profesional.
Ambas formacións están abertas á mocidade empadroada no Concello de Lugo, e as prazas cubriranse por orde de inscrición ata completar o aforo dispoñible.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición a través da web lugomasxti.org, no teléfono 982 297 498 ou no correo electrónico habilitado polo programa.