Promoven, un ano máis, os hortos escolares nos centros de ensino públicos de Lugo

LugoXa
A Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, dá continuidade un ano máis a esta iniciativa
hortos-escolares-BNG-Lugo
26 Feb 2025

O Goberno de Lugo aprobou a licitación do proxecto das actividades de hortos escolares nos centros de ensino públicos para os e as estudantes de sexto de Infantil, que se executará durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.

A Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, dá continuidade un ano máis a esta iniciativa, que buscará que os nenos e nenas de 6º de Infantil vivan unha experiencia enriquecedora, na que a estimulación dos sentidos xoga un papel fundamental.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que estas actividades teñen como obxectivo utilizar o traballo no horto como recurso educativo para sensibilizar aos alumnos sobre o medio natural, a súa conservación e a importancia da concienciación ambiental. "Estas actividades tamén teñen un enfoque educativo para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera", explicou Ferreiro.

"O traballo no contorno natural é unha actividade de gran interese nas primeiras etapas educativas, xa que permite aos máis pequenos experimentar e coñecer de forma consciente e responsable a natureza, ao mesmo tempo que se achegan á música, as cantigas e as celebracións tradicionais", engadiu a concelleira.

Durante o desenvolvemento deste proxecto, realizaranse sete sesións en cada centro educativo, nas que dous monitores/as traballarán cos estudantes para preparar e cultivar os hortos que xa existen nos centros. A actividade tamén incluirá catro sesións en dúas escolas infantís entre os meses de marzo e xullo, e 17 horas ao final do curso para pechar cada un dos hortos.

⚙ Configurar cookies
0.46086192131042